publicidade hoxe

Caión acolle este domingo o acto de renovación da promesa da OJE

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocalLocal Portada
A-
A+

A Organización Juvenil Española (OJE) en Galicia celebrará o domingo o seu tradicional encontro anual, no que se festexa o Día de San Fernando e o acto de Renovación da Promesa.

Nesta ocasión será a localidade de Caión a que acollerá esta xornada de convivencia da OJE, na que participarán preto dun centenar de persoas procedentes de diversos puntos da xeografía galega, como A Coruña, Ferrol, Vigo e Pontevedra, entre outros.

Pola mañá está previsto que todos os asistentes visiten o museo do Arquivo da Pesca de Caión, situado no baixo do edificio da Confraría de Pescadores.

En torno ás 12.30 horas, as bandas de música dos Hogares da OJE da Coruña e de Ferrol realizarán un pasarrúas pola vila.

A continuación desprazaranse ata o santuario dos Milagres, onde será o xantar. A continuación, nese mesmo lugar celebraranse os actos centrais do evento, consistentes na denominada Renovación da Promesa, na que se recollen todos os puntos do ideario do estilo de vida promovido pola entidade. Por último, realizarase a entrega dos diplomas e das recompensas xuvenís.

O acto que desenvolve a OJE Galicia conta coa colaboración organizativa tanto do Concello da Laracha como do párroco de Caión, D. Luis Pastoriza.

A Organización Juvenil Española foi fundada en 1960 e en 1981 foi recoñecida como entidade de utilidade pública polo Ministerio de Interior. Trátase dun movemento social de tempo libre que ten por última finalidade transmitir valores relacionados coa educación, solidariedade, espiritualidade, xustiza, liberdade e servizo.

O acto de Caión servirá á OJE, ademais, para darse a coñecer na comarca e ofrecerlles aos mozos bergantiñáns a posibilidade de asociarse e participar nos eventos que organiza a entidade ao longo de todo o ano a través das súas delegacións nas diferentes comunidades autónomas españolas.

25 de maio de 2013 | 12:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.