publicidade hoxe

‘Cadros líquidos’ de Joâo Rebelo na Casa do Escudo de Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVerín
A-
A+

O pintor lusitano Joao Rebelo exporá os seus Cadros líquidos na Casa do Escudo de Verín. A mostra poderá visitarse desde hoxe luns até o día 15 de xuño, de luns a sábado das 17 ás 20.30 horas, e os días 1 e 2 de xuño tamén en horario de mañá, ao enmarcarse a exposición nas II Xornadas de Portas Abertas na Rutas do Viños de Galicia.

Profesor de Filosofía no ensino público portugués, Joao Rebelo naceu en Tomar, vella cidade no centro de Portugal, e cambiouse hai uns anos cara ao norte (Peso da Régua, Douro). Nunca deixou de pintar, expón desde os anos da mocidade, a  última mostra da súa obra foi en Vila do Conde, no pasado mes de abril. Na actualidade, realiza unha arte pictórica na que funde a concepción tradicional coas novas tecnoloxías. Descubriu o seu novo estilo mesturando informaticamente fotos súas con imaxes que traduce en deseños. Con esa concepción, pinta viñas e uvas, pero sobre todo as xentes do Douro. A súa fonte principal de inspiración é a muller: caras, mans e corpos de mulleres novas e vellas. Para Joao Rebelo, a arte que realiza é “como un tributo” á rexión (Douro) que escolleu para vivir.

Baixo o título, Cadros líquidos, Joao Rebelo presenta unha exposición formada por un conxunto dunha vintena de acrílicos sobre tela, en formatos medianos e grandes, que o pintor realizou nos tres últimos anos. Os Cadros líquidos son, segundo o artista, “caras, ollares diluídos nas cores da viña, nas sombras da vide, nas que transpira o río xerador do val vitícola”. Porque, para el, “a uva é auga en esencia”.

27 de maio de 2013 | 11:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.