publicidade hoxe

Caballero di que recuperar a Media Maratón de Vigo amosa “toda a forza do atletismo local”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLocalVigo
A-
A+
Presentación da Media Maratón

Presentación da Media Maratón

A XVI Media Maratón de Vigo, que regresa tras catorce anos de ausencia, disputarase este domingo (10:00 horas) dende Policarpo Sanz e con máis de mil participantes polo centro de Vigo. “É a primeira da época moderna”, sinalou o alcalde na presentación da proba, xa que comezou en 1984 e a súa última edición databa de 1999.

Vigo conta de novo con media maratón. Álvarez Salgado, atleta olímpico nos anos 60, recuperou unha clásica a través da Agrupación Deportiva Media Maratón de Samil e, cun equipo de 125 persoas, entre voluntarios e demais membros da organización, asegurará que “a carreira estea moi bo organizada”, afirmou o alcalde durante a presentación. “É unha ruta urbana que nace no corazón da cidade”, apuntou Caballero en referencia a unha carreira de 21.097 metros que dará dúas voltas “a un circuíto que tocará todo o centro e que é o máis plano que se puido conseguir no centro da cidade, e o final por Príncipe e Porta do Sol é un verdadeiro luxo”, incidiu Salgado.

“Con esta media maratón reiniciamos e retomamos unha magnífica tradición na cidade nun momento moi importante do atletismo vigués”, sinalou o alcalde, que dixo que este acto amosaba toda a forza deste deporte. O rexidor non ocultou a súa “satisfacción absoluta por esta proba, que é a proba do tesón, a forza, capacidade e autonomía dos seus organizadores”.

Esta mesma mañá, a unhas horas do peche do prazo de inscrición eran xa 1.043 os e as atletas anotados para a proba, que contará tamén con carreira de relevos (equipos de dous e catro corredores). O diñeiro recaudado con esta novidade irá destinado a construír pozos de auga en Camerún.

Elías Domínguez, un dos atletas consagrados da provincia, figura entre os inscritos dunha media “puramente popular e homologada pola RFEA porque aquí non hai premios en metálico”, anunciou Álvarez Salgado, que lembrou que na anterior etapa da carreira (de 1984 a 1999 coa excepción de 1992) tivo gloriosos vencedores, casos da portuguesa Rosa Mota ou o vigués Alejandro Gómez. O veterano atleta explicou tamén a súa ledicia pola marcha das inscricións, e puxo con exemplo os 187 participantes de 1984. O alcalde, ademais, exemplificou con outra media en Vigo celebrada en 2009 e 2010 e que por desgraza non tivo continuidade, que apenas acadou os 400 participantes.

Dende a organización anunciouse ademais que haberá unha charla de Abel Antón (bicampeón do mundo do maratón) no Verbum o sábado 11 (19:00 horas), e que na carreira haberá unha liebre “segura” para aqueles populares que desexen facer un tempo de 1 hora e 24 minutos.

Este domingo, Policarpo Sanz, García Barbón, Isaac Peral, Areal, Praza de Compostela, Carral, Marqués de Valladares, Rosalía de Castro, Elduayen, Paseo de Alfonso XII, Pi e Margall, López Moura, Camelias, Romil, Venezuela, Blein Budiño, Ronda Don Bosco, Príncipe e Porta do Sol serán tomadas polo atletismo popular e pecharán ao tráfico entre as 10:00 e as 12:30 horas.

7 de maio de 2013 | 19:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.