publicidade hoxe

Brión dedícalle o 2013 á figura de Roberto Vidal Bolaño cunha programación especial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónLocal
A-
A+
Exposición no IES Brión

Exposición no IES Brión

O Concello de Brión vén de presentar un avance da súa programación cultural especial co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, que este ano está dedicado a Roberto Vidal Bolaño, ilustre dramaturgo que pasou os seus últimos anos de vida no municipio brionés. Por iso, o Concello de Brión decidiu dedicarlle unha programación especial a Vidal Bolaño que inclúe unha trintena de actividades que terán lugar todo o ano.

O alcalde de Brión, Xosé Luís García, explica que “para Brión é unha honra que se lle dedique o Día das Letras Galegas a un dos seus veciños máis ilustres, polo que decidimos levar a cabo unha ampla programación cultural para reivindicar a súa figura e homenaxeala como se merece”. De feito, no avance da programación especial deste “Ano Vidal Bolaño” inclúe un total de 22 actividades culturais entre as que figuran representacións gratuítas das obras máis importantes do dramaturgo a cargo das compañías que fundou ou nas que traballou, xornadas formativas sobre a figura de Roberto Vidal Bolaño, monólogos humorísticos, os Encontros coa Arte 2013 e un amplo programa de representacións e lecturas dramatizadas nas que participarán todos os nenos e mozos do municipio.

Feira do Libro

O programa de actividades comezará o vindeiro luns 13 de maio coa apertura dunha exposición na biblioteca municipal de Brión sobre a figura de Vidal Bolaño, que será visitada polos distintos nenos e nenas do municipio. Ese mesmo día comezarán dúas semanas dunha intensa programación didáctica dirixida aos nenos e nenas do CEIP de Pedrouzos, do IES Brión, das escolas unitarias e mesmo da gardería municipal. Haberá representacións teatrais, lecturas dramatizadas e contacontos a partir de textos de Vidal Bolaño e de acordo coa idade dos pequenos que participen. Gustavo Pernas Coira, Talía Teatro, Laura Ponte, Roi Vidal, Xandobela, Picaversos, Tinke-tinke Teatro, Migallas Teatro ou Maquinarias Teatro encargaranse de levar a maxia das verbas de Vidal Bolaño aos nenos e nenas brioneses.

Ao mesmo tempo, o Concello de Brión programou dúas representacións teatrais de acceso libre e de balde para toda a veciñanza de Brión. Ambas terán lugar no centro social polivalente ás 20:30 horas. Así, o sábado 18 de maio Teatro do Aquí (última compañía na que traballou Vidal Bolaño) representará “Criaturas”, dirixida por Evaristo Calvo e protagonizada por Belén Constenla, Vicente de Souza, Marcos Orsi e Xoán Carlos Mejuto. Unha obra que foi galardoada cos premios Max, María Casares e Eixo Atlántico.

O sábado 25 de maio, Teatro Antroido homenaxeará ao seu fundador representando outra das súas obras máis coñecidas: “BailadELAS”, unha obra de Roi Vidal, sobre textos do seu pai (Roberto Vidal Bolaño), e interpretada pola súa nai Laura Ponte. Unha actuación que estará dirixida por Xavier Estévez.

Encontros coa arte

Para o mes de xuño, o Concello de Brión ten programada unha nova iniciativa cultural: os Monólogos na Carballeira. Todos os venres entre o 31 de maio e o 5 de xullo (coa excepción do 28 de xuño para non coincidir cos Encontros coa Arte), ás 20:30 horas, a sala de exposicións municipais de Pedrouzos acollerá os contos de humoristas galegos como Pepe Capelán, Óscar Maldados, Pedro Brandariz, Boquete e Víctor Grande. A entrada é libre e de balde.

Así mesmo, o 1 de xuño, ás 20:00 horas, o centro social polivalente terá a honra de acoller unha montaxe elaborada polo grupo de teatro do IES de Brión sobre textos de Vidal Bolaño. E a finais do mes de xuño regresan os “Encontros coa Arte”, nos que unha vintena de artistas galegos reflexionarán, como non podía ser doutro xeito, sobre á figura de Roberto Vidal Bolaño. A cita será na fin de semana do 28, 29 e 30 de xuño e incluirá unha exposición de pintura, un mercado da arte e distintas sesións de pintura ao natural.

Outubro e novembro

Tras o descanso de verán, en outubro volven dúas representacións de obras de Vidal Bolaño ao centro social polivalente. O 19 de outubro, Espello Cóncavo presenta “Anxeliños”; e o 26 de outubro, Teatro O Maxolo representa “Tres de Bolaño”, entre as que figuran “Animaliños”, peza inspirada en Pedrouzos. Xa en novembro, o día 30 o grupo Bartoleta Teatro representará “Macki o navallas”. Todas estas actuacións terán lugar ás 20:30 horas.

E o broche de ouro ao Ano Vidal Bolaño porano a ANPA Pedra Viada que, en colaboración co Concello de Brión, celebrará unhas “Xornadas sobre Roberto Vidal Bolaño”, que terán  lugar os días 8, 15 e 22 de novembro e que contarán coa participación de expertos e persoas moi achegadas ao dramaturgo.

Estas 22 actividades están organizadas polo Concello de Brión, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, así como da ANPA Pedra Viada e os distintos centros escolares do municipio. Así mesmo, o departamento de Cultura segue a traballar na concreción doutras actividades relacionadas con Vidal Bolaño que serán dadas a coñecer nas próximas semanas, entre as que figura unha exposición con material do artista cedido pola súa viúva Belén Quintás, veciña de Brión. De feito, Quintás xa cedeu ao IES Brión unha serie de carteis orixinais das obras de Vidal Bolaño para unha exposición celebrada no propio centro educativo.

Programa detallado “Ano Vidal Bolaño”

MAIO

-Do 13 ao 21: Exposición e Visitas Guiadas á Biblioteca Pública Municipal.

-Día 13: GUSTAVO PERNAS CORA presenta: “Lecturas dramatizadas de fragmentos das obras de Roberto Vidal Bolaño”. Para alumnos do IES de Brión. 11:20 h. no Centro Social.

– Día 15: TALÍA TEATRO presenta “Pequena”, espectáculo escrito e dirixido por Paula Carballeira e interpretado por Marta Ríos. Para alumnos de 2º Ciclo de Primaria CEIP Pedrouzos. 12:00 h. Centro Social Polivalente.

– Día 18: TEATRO DO AQUÍ presenta: “CRIATURAS” de Roberto Vidal Bolaño. Centro Social Polivalente ás 20:30 h.

– Día 20: “Vida e obra de Roberto Vidal Bolaño”. Dramatización e charla con LAURA PONTE e ROI VIDAL. Para alumnos do IES de Brión. 11:20 h. Centro Social Polivalente.

– Día 22: “Lembranzas de Roberto Vidal Bolaño”. Contacontos didáctico-musicado sobre Roberto Vidal Bolaño a cargo de XANDOBELA. Para alumnos do IES Brión. 11:20 h. Centro Social Polivalente.

– Día 24: PICAVERSOS: “Lectura dramatizada e musicada de pezas teatrais de Roberto Vidal Bolaño”. Alumnos 3º Ciclo Primaria do CEIP de Pedrouzos. 12:00 h. Centro Social.

– Día 25: TEATRO ANTROIDO presenta “BailadELAS” a partir de textos de Roberto Vidal Bolaño. Centro Social Polivalente ás 20:30 h.

– Día 27: Contacontos teatral a cargo de TINKETRINKE TEATRO. Para alumnos de Ed. Infantil CEIP de Pedrouzos (10:15 h.) e das Escolas de Luaña, Os Ánxeles e Bastavales (12:00 h.)

– Día 29: MAQUINARIAS TEATRO presenta:“Anacos de Touporroutou da lúa e do sol” de Roberto Vidal Bolaño. Alumnos 1º Ciclo de Primaria CEIP de Pedrouzos. 12:00 h. Centro Social Polivalente

– Día 31: MIGALLAS TEATRO presenta: “Entre arrolos e contiños” para os nenos da Gardería Municipal.

– Día 31: Monólogos con PEPE CAPELÁN: “Contos dun rapaz de aldea” ás 20:30 h. Sala de Exposicións.

XUÑO

– Día 1: ESTREA da montaxe do GRUPO DE TEATRO DO IES DE BRIÓN. Ás 20:00 h. Centro Social Polivalente.

– Día 7: Monólogos con ÓSCAR MALDADOS: “Burradas” ás 20:30 h. Sala de Exposicións.

– Día 14: Monólogos PEDRO BRANDARIZ: “Profundizando na Galiza profunda” ás 20:30 h. Sala de Exposicións.

– Día 21: Monólogos con BOQUETE: “Carne ao caldeiro” ás 20:30 h. Sala de Exposicións.

– Días 28, 29 e 30: Encontro coa Arte “Lembrando a Roberto Vidal Bolaño” No transcurso do mesmo farase unha homenaxe a quen foi veciño deste concello os seus derradeiros anos.

XULLO

– Día 5: Monólogos con VÍCTOR GRANDE: “Non son o Opinado para Apropiar” ás 20:30 h. Sala de Exposicións.

OUTUBRO

– Día 19: ESPELLO CÓNCAVO presenta “Anxeliños” de Roberto Vidal Bolaño. Centro Social Polivalente, 20:30 h.

– Día 26: Teatro O MAXOLO presenta “Tres de Bolaño”. Fragmentos da Triloxía Criaturas, Anxeliños e Animaliños de Roberto Vidal Bolaño.

NOVEMBRO

– Días 8, 15 e 22: Xornadas sobre Roberto Vidal Bolaño organizadas pola ANPA Pedra Viada.

– Día 30: O Grupo BARTOLETA TEATRO presenta “Macki o navallas” de Roberto Vidal Bolaño.

6 de maio de 2013 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.