Brión contará no curso 2013-2014 con programa de prevención de drogodependencias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónLocalLocal Portada
A-
A+

O Concello de Brión, en colaboración cos centros educativos do municipio, porá en marcha no curso 2013-2014 un Programa Municipal de Prevención de Drogodependencias, que substituirá ao programa que mantiñan conxuntamente os concellos de Ames, Brión e Negreira. Un programa posto en marcha en 2008 polos tres municipios e que desapareceu este ano cando a Xunta decidiu deixar de achegar fondos a un proxecto que prestaba información e asesoramento a case 2.000 escolares de idades comprendidas entre os 10 e os 19 anos.

O alcalde de Brión, Xosé Luís García, explica que “en Brión fomos conscientes da importancia de manter este servizo para a mocidade brionesa, polo que os Servizos Sociais do Concello puxéronse a traballar de inmediato cos centros educativos e puidemos finalmente atopar unha solución”. Aínda que o programa final non está totalmente pechado, a día de hoxe xa hai un acordo total en materia de grupos de traballo, tempos e profesorado. O fundamental da materia será impartida por persoal do Departamento de Servizos Sociais do Concello. Naqueles temas que non poida impartir a educadora familiar, buscarase a colaboración de persoal especializado.

Máis vale previr

Deste xeito, os escolares de Brión poderán seguir disfrutando deste importante servizo de prevención de drogodependencias durante o vindeiro curso escolar, concretamente entre os meses de outubro e xuño. O alcalde brionés lembra que “durante moitos anos a intervención terapéutica foi o obxectivo prioritario das administracións na loita contra as drogas, pero nos últimos anos demostrouse que é moito máis eficaz, e incluso máis rendible, investir en prevención para que o problema non chegue a producirse. Porque, como ben dicían os nosos avós, máis vale previr que curar”.

O Programa Municipal de Prevención de Drogodependencias de Brión será un programa de educación para a saúde que ofrecerá os coñecementos precisos para que os mozos e mozas brioneses saiban enfrontarse á vida e ás distintas situacións que se lles presenten sen necesidade de recorrer ás drogas. É dicir, será unha formación en valores, hábitos e actitudes sans que constitúan un gran traballo de prevención fronte ás drogodependencias.

3 de maio de 2013 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.