publicidade hoxe

Benestar Social presenta as propostas de moficiación das bases do premio solidario cidade de Ferrol 2013

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

A concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro, informou hoxe das novas bases da sexta edición do Premio Solidario Cidade de Ferrol. Este foi un dos temas tratados esta mañá na comisión informativa de dita área.

Esta medida foi impulsada pola proposta que o ano pasado realizou o xurado de modificar algúns dos criterios das bases pola dificultade que tiña a súa valoración. Unha das proposicións presentadas esta maña na comisión informativa foi ter en conta o ámbito comarcal, “primando e valorando que teña incidencia na nosa poboación” sinalou a edil. Así, outras das posibles modificacións sería que os proxectos fagan máis fincapé no medio ambiente e na igualdade de xénero -por exemplo, coa participación de vítimas da violencia de xénero-. Ademais, entre os criterios técnicos dos anos anteriores era primado o número de beneficiarios do programa “un criterio bastante subxectivo porque un proxecto non é de maior calidade porque vaia dirixido a máis xente” manifestou Rosa Martínez.

A convocatoria para este galardón busca premiar a solidariedade, o voluntariado e a cooperación que recibe a cidade ferrolá. “É moi importante dar valor á dedicación aos demais ademais do coidado do medioambiente porque mellorará a nosa calidade de vida” dixo a concelleira de Benestar Social. O certame está dirixido tanto a entidades sociais como a persoas físicas que cumpran os requisitos necesarios e conta cun premio en metálico de 5.000 euros. “Premiamos a labor das nosas entidades sociais que tanto apoiamos dende os convenios nominativos” engadiu. O prazo de presentación das propostas para esta sexta edición será de 30 días naturais despois da publicación no BOP (Boletín Oficial da Provincia).

Premiados en anteriores edicións

Na primeira edición realizada no ano 2008 o galardón recaeu sobre a Asociación de Síndrome de Down Teima valorando a súa integración no emprego. No ano 2009 a entidade Lazos foi a premiada polo seu traballos en beneficios á comunidade con xente afectada polo VIH mentres que ao ano seguinte a Asociación de Familiares e Amigos de Persoas con Enfermidade Mental – Afaes Porta Nova- recibiu o galardón polo seu programa Costurarte. A campaña escolar Salvavidas de Alcer, gañadora da edición de 2011, promovía a importancia da doazón de órganos e no ano 2012 foi premiado o proxecto Ponte no meu lugar; iguais pero diferentes de Aspaneps.

23 de maio de 2013 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.