Benestar Social busca optimizar a atención á dependencia cun curso de formación para as profesionais de axuda no fogar
A Concellaría de Benestar Social colabora con Deputación da Coruña no desenvolvemento dunha acción formativa destinada a mellorar a cualificación das profesionais do Servizo municipal de Axuda a domicilio. O curso, que arranca a próxima semana, aborda a posta en marcha de actividades de estimulación física e mental para as persoas maiores.
O curso, de carácter eminentemente práctico, pretende mellorar a capacitación do alumnado no desenvolvemento de distintas dinámicas e exercicios que se poidan desenvolver no fogar, para contribuír ao estímulo físico e cognitivo das persoas usuarias do servizo de axuda no fogar, contribuíndo así ao envellecemento activo.
Unha vintena de profesionais do servizo local beneficiaranse desta iniciativa dirixida, dentro do programa de formación continua do ente provincial, ao conxunto de municipios da provincia. A proposta terá lugar entre o 20 de maio e o 12 de xuño no Centro de Participación Social de Ortigueira (antigo hospital de San Roque).
A colaboración municipal nesta acción formativa responde ao firme obxectivo do goberno de Rafael Girón de optimizar a calidade da atención de servizo en todos os ámbitos da lei de Dependencia, unha mellora que, entre outras cousas, pasa tamén por optimizar a formación das traballadoras que atenden aos veciños/ás usuarios.











