publicidade hoxe

Batán expón á mesa local de comercio o borrador de bases do mercado tradicional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal
A-
A+

A concelleira de Actividade Económica, Comercio e Emprego avanzou que nas ditas bases se establecen dúas modalidades de participación: un mercado semanal para produtos de alimentación e artesanía e un mercado periódico de artesanía María José Batán sinalou que “tamén se lle fixo a invitación a participar no mercado tradicional aos comercios e artesáns de Lalín”, co obxectivo de lograr a maior involucración de colectivos neste mercado dos sábados que nestes intres se está promocionando no rural, a través de comunicacións aos produtores hortícolas que queiran vender os seus excedentes e a través de xuntanzas cos pedáneos” No encontro tamén se analizaron os dous proxectos que se van presentar a subvención no marco das convocatorias de axudas da Dirección Xeral de Comercio: un da Praza de Abastos para campañas de fidelización da clientela e equipamento do mercado e praceiros e o outro para a potenciación do Centro Comercial Aberto AEDEZA

A concelleira de Actividade Económica, Comercio e Emprego, María José Batán, expuxo aos colectivos integrantes da Mesa Local de Comercio o borrador das bases do mercado tradicional que se vai celebrar en Lalín todos os sábados do ano. “Unhas bases que proximamente se aprobarán en Xunta de Goberno Local e polas que se establece a organización e o funcionamento da feira tradicional, as características do mercado e dos produtos, os baremos para clasificar ás persoas solicitantes, entre outras consideracións”, precisou Batán.

Como avance, e pendentes de que sexan ratificadas por Xunta de Goberno Local, a edila delegada avanzou que as ditas bases establecen dúas modalidades de participación: mercado semanal de produtos agroalimentarios e artesanía (modalidade A) e mercado periódico de artesanía (modalidade B).

Así mesmo explicou aos representantes da Mesa (comerciantes, consumidores e Xunta) que a competencia da organización, supervisión e control da Feira “Lalín, Compromiso de Calidade” corresponde ao Concello de Lalín. Enténdese por venda de produtos agroalimentarios a venda de froitas, veduras, ovos, mel, leite ecolóxico, etc. Ademais tamén se poderán vender produtos artesáns, entendendo por estes os que, dun xeito ou outro, sexan realizados de maneira tradicional polo/a propio/a vendedor/a ou outros talleres.

Batán tamén fixo fincapé que “no encontro tamén se acordou convidar a participar a comerciantes e artesáns de Lalín neste mercado sabatino que estamos a promocionar nestes intres tamén entre os produtores do rural que queiran vender os excedentes da súa produción, mediante reunións cos pedáneos como con comunicacións á poboación das parroquias, a fin de lograr a involucración do maior número de colectivos nesta feira”.

PROXECTOS SUBVENCIONABLES

Na Mesa Local de Comercio ademais de aprobarse a acta da sesión anterior tamén se analizaron os proxectos que se presentaron ao abeiro das axudas convocadas pola Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria para promocionar o comercio.

Neste apartado María José Batán sinalou que se presentaron dous proxectos: un parte da Praza de Abastos e outro por parte da AED. “No que respecto á Praza de Abastos a subvención que se pide ten como finalidade o equipamento do mercado e dos praceiros (creación de marca, uniforme, presentación de produtos para o seu transporte e conservación) e promover campañas que permitan a fidelización de clientes xa existentes e de captación de novos consumidores”, indicou.

De igual modo a concelleira delegada matizou que “no caso da AED, trátase de potenciar o Centro Comercial Aberto AEDEZA, un proxecto que abrangue xornadas formativas, campañas de promoción do comercio, ademais de mantemento da unidade xerencial”. Os dous anteditos proxectos de axuda serán presentados ante a Dirección Xeral de Comercio a fin de que os valore e determine o seu financiamento.

Batán informou que na Mesa Local tamén se informou aos representantes de Xunta, comerciantes e consumidores doutras iniciativas que proximamente se poñerán en marcha para potenciar o comercio.

21 de maio de 2013 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.