Augas de Galicia investirá 1.200.000 euros en alcantarillado para Mos

A rexedora na visita ás obras
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro mosense de Saneamento e Abastecemento, Camilo Augusto, informaron hoxe de que está en proceso de redacción o proxecto de Augas de Galicia en materia de saneamento para o ano 2013 no Concello de Mos.
Deste xeito Augas de Galicia investirá en Mos preto de 1.200.000 euros, dándolle así un empuxe importante á localidade para acadar o tan ansiado saneamento municipal integral, que fora ademais un compromiso adquirido polo equipo de goberno local para cos veciños e veciñas mosenses. Compromiso que pouco a pouco se foi cumplindo e que agora se está intentando ampliar ata chegar a completalo mediante a inversión de fondos propios e axudas doutras administracións; ó ser conscientes, os representantes municipais, do necesaria que é a rede de alcantarillado para todo Concello.
Augusto, edil responsable da área de Saneamento e Abastecemento, explicou esta mañá sobre o novo proxecto de Augas de Galicia en Mos que “despois de ter analizado as necesidades pendentes de acometer no noso Concello, Augas de Galicia iniciou a redacción do proxecto de inversión para o presente ano na localidade mosense, prevendo realizar unha instalación de máis de 15 kilómetros de nova rede de saneamento, que requerirá unha inversión próxima ós 1.200.000 euros e pola que se verán beneficiados uns 3.000 habitantes do municipio de Mos”.
Este novo proxecto contempla importantes actuacións nas parroquias mosenses de Mos, Cela, Pereiras e Tameiga, sendo estas dúas últimas nas que se acometerán as instalacións de alcantarillado de maior envergadura. Concretamente as inversións máis fortes e con maior orzamento, así coma con maior número de habitantes que se verán beneficiados ó poder engancharse á rede de saneamento serán a zona de Roublín en Pereiras e as zonas de Pedraúcha e Casal en Tameiga. Entre estas tres zonas suman máis do 60% dos 1,2 millóns de euros de inversión total.
Asimesmo, Camilo Augusto anunciou hoxe que dende o Concello seguirase a traballar en materia de saneamento con medios propios e en colaboración coa Deputación de Pontevedra, administración coa cal se está a elaborar tamén nestes momentos un novo proxecto de acometida de rede de alcantarillado.











