As voluntarias europeas de Tomiño emprenden o Camiño de Santiago para difundir o servizo de voluntariado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaTomiño
A-
A+

As dúas voluntarias europeas, Iwona Domaszczynska e Marín Vomm, de Polonia e Estonia, respectivamente, que están colaborando co Concello de Tomiño, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), dende hai algúns meses, emprenderán mañá, 7 de maio, o Camiño Portugués de Santiago entre Tui e a vila compostelá, co fin de dar a coñecer o Servizo de Voluntariado Europeo (SVE); programa a través do cal elas puideron viaxar e residir en Galicia no presente curso.

Durante a ruta, as xoves farán algunha parada para dar charlas informativas dos programas de voluntariado que permiten á mocidade galega viaxar coma voluntario a países da Unión Europea. É o caso de Mos e Caldas de Reis, municipios aos que chegarán os días 8 e 10 de maio, respectivamente.

Asemade, as voluntarias, que falan español e inglés, ademais das súas linguas maternas, repartirán folletos e falarán coa xente que vaian encontrando no Camiño.

Rematarán a ruta en Santiago de Compostela o vindeiro sábado, 11 de maio.

As voluntarias desenvolven distintas tarefas na OMIX de Tomiño, entre as que se atopan charlas sobre voluntariado europeo, cursos de inglés e obradoiros de cociña estona e polaca.

6 de maio de 2013 | 14:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.