As persoas que desexen ser usuarias do programa xantar na casa poden solicitalo no concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

Desde o Concello da Laracha lembramos a todos os nosos veciños que neste municipio continúase prestando o servizo do programa denominado Xantar na casa, cuxa finalidade é garantir unha alimentación equilibrada e de calidade adaptada ás necesidades de cada un dos usuarios, que deben ser persoas maiores de 60 anos que teñan limitada a súa capacidade de autonomía persoal e que carezan de apoios que puideran suplir tal situación, ou ben calquera persoa, sexa cal sexa a súa idade, que sexan dependentes e non teñan apoio familiar para a preparación dos alimentos.

A través deste programa os usuarios reciben os alimentos nos seus domicilios unha vez por semana e, no caso de que non dispoñan deles, tamén se lles facilitarán os medios (microondas e neveira) para poder preparalos cada día dun xeito cómodo e sinxelo.

O servizo é prestado polo Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e Benestar, sendo subvencionado por este mesmo organismo e tamén polo Concello da Laracha, polo que o usuarios tan soamente teñen que abonar pouco máis da cuarta parte (en concreto, o 26,67%) do custo total.

Actualmente son 21 os veciños do Concello da Laracha beneficiarios deste plan. As persoas que cumpran os requisitos e desexen ser usuarias do programa Xantar na casa deben solicitalo acudindo ao departamento de servizos sociais.

31 de maio de 2013 | 19:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.