As obras da nova Base de Protección Civil de Cambre comezarán en xuño
A mesa de contratación que tivo lugar esta mesma mañá no Concello de Cambre decidiu por unanimidade aprobar a proposta de adxudicación da obra “Nova Base de para o Servizo de Protección Civil” á empresa “Proxecta Actividades Profesionais da Construción” por un importe de 239.626 euros.
A nova instalación para o Servizo de Protección Civil instalarase finalmente nunha parcela anexa ao instituto de Sigrás, o IES David Buján. O proxecto que puxera en marcha o anterior executivo local non contaba coa cualificación oportuna, xa que se trataba dun terreo urbano non consolidado ao tratarse dunha parcela que non chega ao a condición de soar por non contar cos servizos básicos necesarios, uns problemas que atrasaron a contratación destas obras que están financiadas nun 79% pola Deputación.
O goberno actual de Cambre decidiu utilizar a parcela anexa ao instituto de Sigrás de 2.400 metros cadrados co fin de acelerar o proceso e de non perder esta axuda económica do ente provincial.
Trátase, por outro lado, dun proxecto prioritario xa que actualmente a dotación do Servizo de Emerxencias está situado no Tempero nun terreo cedido por un particular, polo que urxe que conte coa súa propia infraestrutura. A intención do equipo de Manuel Rivas é que as obras comecen o próximo mes e que estean rematadas antes de que finalice o ano.
En concreto, o convenio actual coa subvención Deputación faise cargo do 79,8% da obra, mentres que o concello se faría cargo do 20,2%.











