As medidas preventivas e a concienciación cidadá na Coruña reduciron en 2012 o número de accidentes de tráfico nun 6,5%
O incremento das medidas de prevención da Unidade de Tráfico da Policía Local e a maior concienciación cidadá lograron reducir nun 6,5% en 2012 o número de accidentes de tráfico respecto a 2011 na cidade, así como o número de persoas implicadas en accidentes nun 2,5% e tamén o de vítimas mortais, que pasou de tres falecidos por atropelo en 2011 a unha persoa falecida por atropelo en 2012.
Un dos principais obxectivos da Policía Local foi incrementar as accións de prevención relacionadas coas infraccións que máis inflúen nos accidentes de tráfico:
1. Controis de alcoholemia: en 2012 denunciáronse 676 alcoholemias positivas (un 9% máis que en 2011), das que un 82,5% se detectaron en controis preventivos (79% en 2011) e un 17,5% en probas tras accidente (21% en 2011).
2. Controis de velocidade: en 2012 realizáronse 349 controis de velocidade (un 127% máis que en 2011), nos que se controlaron 102.954 vehículos (un 135% máis que en 2011), denunciándose ao 1,42% do total de condutores controlados (ao 1,82% en 2011).
3. Controis de seguridade: en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico realizáronse diversos controis de seguridade como uso do cinto e de sistemas de retención infantil, control de motocicletas, de respecto aos semáforos, de transporte escolar, de camións e furgonetas. Contabilizáronse 1.834 denuncias por circular sen a Inspección Técnica de Vehículos (I.T.V.), carecer de seguro, conducir sen permiso ou circular con deficiencias técnicas, unha cifra similar ao ano anterior.
Por outro lado, realizáronse diversas accións formativas para incidir nos comportamentos de risco de accidentes e atropelos, dentro do programa de educación vial. Así, en 2012 realizáronse 42 accións nas que participaron 21 centros de ensino Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato e Educación Especial, ás que asistiron 1.378 escolares.
As accións preventivas tamén inclúen 4.002 mensaxes nos paneis informativos de Tráfico -unha media de 11 mensaxes diarias- para alertar de retencións na circulación, de dispositivos especiais de circulación ou para reforzar as mensaxes relacionadas coa seguridade vial.
O incremento das medidas preventivas da Policía Local e a maior concienciación dos cidadáns lograron que en 2012 se reducise o número de accidentes nun 6,5% (748 en 2012 fronte a 800 en 2011). Nestes accidentes víronse implicadas 1.844 persoas, un 2,5% menos que en 2011. O pasado ano 2012 produciuse unha vítima mortal nun dos 149 atropelos rexistrados na cidade, fronte aos tres falecidos nos 138 producidos en 2011.
O incremento das medidas preventivas e de control tamén se plasmou no número total de denuncias de tráfico realizadas pola Policía Local en 2012 (33.839), un 25% menos que o ano anterior. Destas, o 61,5% fórono por estacionamento indebido (dobre fila, liña amarela, sobre beirarrúas, en pasos de peóns, etc), un 4% máis que o ano anterior, seguido de infraccións por exceso de velocidade (un 4,61% do total) e conducir utilizando o teléfono móbil (un 3,62% do total).











