As festas de Santa Rita despegan esta fin de semana co Festival do Norte e o Mercado de Época en Vilagarcía
Vilagarcía abre esta fin de semana as festas na honra de Santa Rita que terá o seu día grande o próximo mércores, día 22 de maio. As celebracións comezan mañá venres co Festival do Norte e continuarán durante a xornada do sábado coa apertura do mercado de Época no Parque da Xunqueira e coa oferta deportiva composta pola Liga de Espada e a exhibición de Taekwondo. A música por e indi do FDN tamén se deixará escoitar o sábado pola noite no pavillón de Fexdega e os amantes do folclore poderán gozar do festival Perla de Arousa.
Os concertos do festival do Norte comezan o venres 17 de maio coas actuacións de Dorian, Triángulo de Amor Bizarro, La Habitación Roja, Xoel López, The Primitives, Guadalupe Plata, Sr. Chinarro, Jane Joyd. Tortel, Pedrito Diablo y Los Calaveras e as sesións dance dos DJ’s Miki Puig e Faber.
Sábado
O programa das festas na honra da avogada dos imposibles propiamente dito despega o sábado 18, anunciando polas rúas da cidade as celebracións cos pasarúas a cargo dos grupo de Gaitas Malveiras e Froallo. Xa pola noite, o folclore regresará ao Auditorio da man do colectivo Perla de Arosa. O ambiente festivo inundará tamén o Parque da Xunqueira e as inmediacións de Vista Alegre coa apertura do Mercado de Época.
O deporte tamén ten un espazo importante nesta primeira xornada das festas. Pola mañá celebrarase en Fontecarmoa a IV Liga de Espada Vilagarcía 2013 e pola tarde, na explanada do Auditorio, celebrarase a Exhibición de Taekwondo Olimpic 2013.
E en Fexdega celebrarase a segunda e última xornada musicaleira do Festival do Norte. Os concertos previstos esta noite son We Are Standad, Dover, Toy, Delafé y las Flores Azules, Delorentos, Entereotypo, Aerolíneas Federales, Novedades carminha, Mvninch, Aurora e as ssións dance de DJ Amable y Gato TV e Nano Vinilo DG.
Concerto da Banda de Música e piragüismo para o domingo
O domingo 17, segunda xornada das Festas de Santa Rita, os pasarúas correrán da man dos grupos de gaitas Mocidade da Torre e Os Terribles de Arousa. Seguindo unha antiga tradición dos concertos de bandas nas sesións dominicais matutinas, a rúa Castelao acollerá a partir das 13:00 horas a actuación da Banda de Música de Vilagarcía. O Mercado de Época continuará durante todo o día na Xunqueira e a actividade deportiva do día será o Memorial Roberto Porto de Piragüismo que se celebrará pola mañá nas augas de pasaxeiros e que inclúe a quinta proba da liga galega de Kaiak de Mar.











