publicidade hoxe

As Escolas Infantís públicas de Carballo comezan unha campaña solidaria de recollida de útiles e alimentos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocalLocal Portada
A-
A+

Os membros das comunidades escolares das escolas infantís públicas As Landras e A Braña de Carballo veñen de comezar unha campaña de recollida de alimentos e útiles destinados ás crianzas das familias máis desfavorecidas debido á actual situación de crise económica. Segundo informan en cartas enviadas aos pais e nais das dúas escolas infantís, o que se pretende é “devolver aos nenos o benestar necesario con esas pequenas cousas que poidamos achegar”. Así, durante o período do curso escolar, as familias poderán achegarse a calquera das dúas escolas infantís e depositar nun espazo denominado “Recanto Solidario” alimentos, roupa, ademais de obxectos cotiás e necesarios para o benestar das crianzas, que non sempre entran dentro das axudas que os Servizos Sociais tramitan, tales como: cueiros, xeles, xampús, xoguetes, colonia, crema, toalliñas, cepillos de dentes, pasta de dentes, bastonciños, útiles de baño, carriños, etc. Tamén haberá un peto para que, todas aquelas persoas que prefiran entregar diñeiro, o poidan depositar alí mesmo. Con estas achegas económicas farase unha compra que se depositará no mesmo Recanto para ser distribuído igualmente entre aqueles que máis o precisen.

Finalmente, os pais e nais fan un chamamento para que, calquera familia que teña nenos e nenas nas escolas infantís e que estea atravesando por unha difícil situación económica e necesite esta axuda, que se poña en contacto coa respectiva Dirección e así beneficiarse directa e privadamente desta iniciativa. En todo caso, os interesados e interesadas poden obter máis información nas respectivas escolas infantís: As Landras, Estrada de Razo, s/n, teléfono 981 755 912; A Braña, Rúa Xoana de Vega, s/n, teléfono 981 755 188. E tamén no departamento de Servizos Sociais da Casa do Concello, planta baixa, teléfono 981 704 706. Na imaxe, pode verse a cativos e cativas da Escola Infantil As Landras celebrando a “Festa do Vermello” o pasado mes de abril.

6 de maio de 2013 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.