publicidade hoxe

As bibliotecas municipais coruñesas celebran o Día das Letras Galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da área de Cultura que dirixe Ana Fernández, informa de que durante todo este mes de maio as bibliotecas municipais coruñesas celebran o Día dás Letras Galegas cunha programación especial para homenaxear a Roberto Vidal Bolaño, escritor, actor, director de teatro e guionista ao que se lle dedica este día.

As bibliotecas contan cunha selección e exposición de material bibliográfico e audiovisual relacionado co dramaturgo Vidal Bolaño: a súa vida e a súa obra. Como seleccións complementarias ofrécese aos usuarios o teatro galego e as obras máis representativas, autores homenaxeados en anos anteriores e unha mostra de obras de teatro infantil na Biblioteca Infantil e Xuvenil. Todo este material pódese follear na biblioteca ou levarllo en préstamo. Ademais, as bibliotecas organizaron varias actividades específicas:

– Na Biblioteca Ágora: Luns, 13 de maio, 20.00 horas. Charla Apuntamentos sobre Vidal Bolaño de Rubén Ruibal, actor, director e autor teatral. Ruibal traballou durante anos con Vidal Bolaño na compañía deste, Teatro do Aquí, e participou con el en diferentes montaxes escénicas. Actualmente, Ruibal é director da Aula de Teatro da Universidade da Coruña. Despois da charla, alumnos e alumnas da Aula de Teatro da UDC procederán a unha lectura dramatizada de textos de Vidal Bolaño.

– Na Biblioteca de Estudos Locais: Luns, 13 de maio, 20.00 horas. Camba Campoy con Picaversos ofrecerá unha lectura dramatizada co acompañamento musical de Bernardo Martínez, compositor da banda sonora de moitas das obras de Vidal Bolaño.

– A Biblioteca Forum Metropolitano sorteará entre os usuarios e usuarias un lote de libros en galego. Do 3 ao 20 de maio entregarase un boleto a cada lector que se leve en préstamo 3 documentos en lingua galega. Realizaranse dous sorteos, un na sala infantil e outro na sala de adultos, o luns 20 de maio ás 17.00 horas.

10 de maio de 2013 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.