As axudas de emerxencia social de Ferrol superan a estas alturas do ano a cuantía rexistrada en todo o exercicio de 2012
A concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro, fixo hoxe balance sobre as axudas económicas para situacións de emerxencia social e as bolsas de axuda de comedor escolar e axudas á escolarización no presente exercicio do ano 2013. Así, estes temas foron os tratados na comisión informativa ordinaria de Benestar Social, Igualdade e Xuventude que tivo lugar esta mañá no Pazo Municipal.
No que atinxe ás becas de comedor, a edil lembrou o cambio levado a cabo polo Goberno Municipal neste mandato con respecto a anteriores convocatorias co obxectivo de non excluír a ningún escolar destas bolsas con independencia do centro no que estea matriculado, ben sexa público ou concertado. “Fixémolo así porque estas son axudas directas ás familias non aos centros de ensino, e o que hai que mirar é a situación económica das familias”, explicou Martínez Beceiro. Ata o 31 de marzo do presente ano académico 2012-2013, un total de 350 escolares -226 de colexios públicos e 124 de concertados- recibiron estas axudas mentres que durante todo o ano pasado foron 325 os nenos beneficiarios. “Xa superamos con moito o total de becas do anterior curso escolar e todas as semanas se están dando alta novos nenos” salientou a edil responsable de Benestar Social, que lembrou que o executivo que preside Rey Varela eliminou o teito de gasto das becas de comedor escolar coa finalidade de que non existan listas de espera.
Axudas de emerxencia
Así mesmo, no primeiro cuadrimestre do presente ano 2013, as axudas de emerxencia social foron concedidas a un total de 212 familias -46 a aluguer e 166 a necesidades básicas- cun presuposto de 62.579 euros. Así, durante todo o ano pasado o montante para esta achega ascendeu a 117.478 euros e contou cun total de 575 beneficiarios dos que 153 foron destinados a aluguer, 376 a necesidades básicas e o restante a recibos de gas e luz. “Se facemos unha previsión cara o que falta de ano estamos superando moito o que fixemos o ano pasado”.
Nesta liña, Rosa Martínez lembrou que as bases destas achegas de emerxencia social foron modificadas polo Goberno Municipal cuantificando o computo do gasto da vivenda en carácter de aluguer ou hipoteca, o que posibilitará que moitos máis veciños/as da cidade se poidan beneficiar destas axudas temporais.