As áreas de cultura e xuventude organizan obradoiros para a mocidade durante os meses de maio, xuño e xullo
A Casa da Xuventude acollerá este mes e os vindeiros de xuño e xullo unha serie de obradoiros dirixidos á mocidade do municipio. As Concellarías de Xuventude, que dirixe Victoria Montenegro, e Cultura, á fronte da que está Eugenio Fernández, organizan estas actividades, das que deron conta aos grupos da oposición esta mañá na correspondente comisión informativa.
O primeiro destes obradoiros terá lugar o vindeiro venes 31 na Alianza Aresana. A actividade, que consistirá nun pequeno curso de iniciación á maquillaxe, desenvolverase entre as sete e as nove da tarde, horario no que se celebrarán as actividades de iniciación á perrucaría, que se levará a cabo o día 28 de xuño; o de bisutería, o 5 de xullo; o de customización de prendas (reciclaxe), o 12 de xullo; e o obradoiro de fieltro, que se desenvolverá o 19 de xullo. Estas actividades, que se celebrarán na Casa da Xuventude, completaranse co obradoiro de costura, que terá lugar o sábado 20 de xullo entre as once da mañá e a unha da tarde.
Para participar nestas iniciativas, as persoas interesadas deberán inscribirse previamente, dirixíndose para iso á OMIX, situada na Alianza Aresana, ou chamando ao número de teléfono 981 448 057. O custe dos obradoiros é de tres euros.











