publicidade hoxe

As alumnas do programa SanSa Cualific@ rematan a súa formación con boas perspectivas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

Hai tan só uns días que rematou o curso de teletraballo e comercio organizado polo Concello dentro do programa SanSa Cualific@. Ao longo de 275 horas ofrecéuselle formación teórica e práctica a dez alumnas desempregadas. Tras finalizar as prácticas cinco delas están a proba nunha empresa de telemárketing e posiblemente unha sexta asine contrato en breve nunha empresa da comarca.

O programa SanSa Cualific@ centrouse en contidos relacionados con aplicacións e programas tecnolóxicos, comercio electrónico e técnicas de venda, entre outros aspectos dun campo en constante crecemento e para o que cada vez hai maior demanda de profesionais. 

A mellora da empregabilidade feminina foi o principal obxectivo do proxecto, no que se implicaron as áreas municipais de Igualdade e Emprego. Estes departamento impulsaron a iniciativa e fixeron o labor de busca e intermediación coas empresas tanto para as prácticas como para a posible inserción laboral posterior.

Os resultados están sendo polo momento satisfactorios. Cinco alumnas aceptaron unha oferta de emprego no sector do telemárketing e neste momento atópanse no período de probas. A empresa ten a sede en Toledo pero as traballadoras desempeñan as súas funcións desde a casa, mostra de que o teletraballo comeza a ser unha realidade en determinados sectores e ocupacións, incluso no medio rural.

A titular de Igualdade, Ana Belén Bereijo, destacou o “alto índice de satisfacción por parte das empresas colaboradoras nas prácticas debido á grande implicación e participación das alumnas nas funcións asignadas durante o seu período de prácticas”. Por este motivo existe a posibilidade doutra contratación en breve dunha das alumnas nunha das empresas da comarca.

O desenvolvemento de SanSa Cualific@ -que contou con colaboración provincial- tamén posibilitou que a docente principal, experta na materia abordada neste itinerario de formación, tivese acceso inmediato a novas contratacións  para impartir accións sobre  programas e ferramentas tecnolóxicas.

O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, cualificou o desenvolvemento do proxecto  como “un éxito, por mor da implicación e o interese das alumnas, das docentes e das empresas colaboradoras, así como polo alto grao de empregabilidade acadado nun momento certamente difícil”.

21 de maio de 2013 | 10:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.