publicidade hoxe

Arredor de 500 rapaces de centros de Secundaria visitan o Fórum Carballo no I Foro da Formación e Empresa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal
A-
A+
Participantes no foro

Participantes no foro

O Fórum Carballo acolle entre o venres 31 de maio e o sábado 1 de xuño o I Foro da Formación e Empresa, unha iniciativa pensada para ofrecer ao alumnado de Secundaria e Bacharelato do municipio unha visión integral acerca das oportunidades laborais e formativas máis vantaxosas que se abren diante deles, especialmente nestes tempos de crise. Dende a organización informan de que entre catrocentos e cincocentos rapaces e rapazas visitarán o Fórum para participar en obradoiros, conferencias, seminarios e ponencias informativas, pero tamén para gozar de citas lúdicas como o espectáculo de maxia ofrecido polo Departamento de Linguas Estranxeiras do IES Monte Neme, que cuns panos, moito humor e a través do idioma francés serviu para pechar o acto inaugural do Foro; ou como a I Quedada Dixital, unha iniciativa para xogar e compartir experiencias dixitais con xogos, música ou programas informáticos durante as dúas xornadas do Foro. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliñou durante a inauguración que se trata do primeiro evento organizado polos tres institutos de Carballo, os IES Monte Neme, Parga Pondal e Alfredo Brañas. E tamén é a primeira vez que se poñen de acordo con administracións e empresariado para divulgar o seu traballo. Segundo Ferrero, esta cita é un paso máis no obxectivo de que “Carballo sexa un referente formativo e teña cada vez máis e mellor formación”.

31 de maio de 2013 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.