Ares acollerá durante o verán os campus deportivos da Fundación Celta de Vigo e o Chiquibasquet

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAresDeportesLocal
A-
A+

A Concellaría de Deportes, que dirixe o edil socialista José Juan Vilar, continúa promovendo o desenvolvemento de iniciativas en prol do deporte base e, así, un ano máis incluirá na súa programación de verán dous campus que xa se teñen convertido nun “clásico” neste municipio: o da Fundación Celta de Vigo e o Chiquibasquet. Esta mañá, os seus respectivos responsables –Hugo Rama, polo Celta, e Chiqui Barros, do campus de baloncesto- acompañados polo presidente do Numancia, Antonio Martínez, e polo concelleiro de Deportes, presentaban aos medios as dúas iniciativas deportivas, acto no que tamén estivo presente o alcalde, Julio Iglesias.

O primeiro en celebrarse será o campus do Celta, nomeadamente entre o 8 e o 13 de xullo. Como explicou o coordinador desta actividade na zona norte de Galicia, a que xa será a cuarta edición seguirá incidindo na parte psicomotriz e na técnico-táctica, posto que moitos dos nenos repiten.

Rama informou ademais que este ano incluirase un día de competición entre todos e a fin de semana, como xa é habitual, desenvolverase unha xornada lúdica cos pais dos participantes, aínda que este ano, como dixo o coordinador do campus, farase máis fincapé no eido psicomotriz. Tamén comezará a implantarse o “fútbol inglés”, coa presenza dun monitor que falará neste idioma cos nenos e nenas –Hugo Rama animou ás rapazas a participar no campus, xa que, como subliñou, as actividades van dirixidas tanto a nenos como a nenas- co obxectivo de que aprendan algunhas das expresións máis utilizadas neste deporte.

A celebración dunha xornada “multideporte” con balón, a entrega, como en anos anteriores, da equipación do equipo (este ano cambiará, posto que o Celta mudou de marca, sendo agora Adidas) ou a posibilidade de adestrar en Balaídos no caso dos nenos máis destacados do campus son outros dos datos de interese aportados esta mañá polo seu coordinador.

O prezo do campus, que vai dirixido a nenos e nenas de 4 a 14 anos, é de 130 euros e as inscripcións xa se poden formalizar na Fundación Celta de Vigo ou a través da súa web (www.fundacioncelta.com). O horario de actividades será de dez da mañá a dúas da tarde e a media mañá os participantes recibirán unha merenda.

En canto ao Chiquibasquet, o seu responsable, Chiqui Barros, informou de que a quinta edición do que “comenzó siendo una medio aventura y ahora ya es un clásico en Ares”, terá lugar entre o 1 e o 9 de agosto (xoves e venres, logo descanso na fin de semana e de novo actividades de luns a venres) e poderán participar nenos e nenas de 5 a 18 anos, establecendo un máximo de 45 nenos para poder levar a cabo todas as actividades coa máxima efectividade.

O horario das actividades, que este ano inclúen dúas sesións de vocabulario de básquet en inglés e outra de multideportes, será de dez da mañá a unha da tarde e tamén inclúe unha merenda.

O prezo será como en anos anteriores, é dicir, de 35 euros, que baixa aos 30 se houbera unha segunda matrícula dentro da mesma familia. Como destacou o responsable do campus, os participantes recibirán un agasallo e un diploma, ademais de tomar parte o derradeiro día nun sorteo.

Ademais, Barros confirmou a presenza durante esas xornadas de varios convidados de “luxo”, que xa teñen confirmado que estarán no Chiquibasquet de Ares, como son o árbitro internacional e adestrador Carlos Cortés; o adestrador do Burgos Miguel Ángel Ortega; o xogador Alberto Rodríguez; e a xogadora que adestra o propio Barros no Bembibre Esther Montenegro.

O prazo para realizar as inscripcións xa está aberto e remata o 29 de xullo. As e os interesados poderán formalizalas na web do Chiquibasquet (http://chiquibasquet.wordpress.com) ou no propio Concello de Ares (na Alianza Aresana, no seu horario habitual de atención ao público).

Tanto Chiqui Barros como Hugo Rama quixeron facer unha mención especial aos responsables políticos e ao técnico deportivo do Concello de Ares pola colaboración e apoio recibidos para poder desenvolver as dúas actividades deportivas. Rama tamén agradeceu ao Numancia a cesión das instalacións e a achega de material durante a celebración do campus.

16 de maio de 2013 | 12:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.