O dispositivo do San Juan mobilizará a 280 efectivos e contará cunha Unidade Especializada en Rescates Marítimos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+

O tenente de alcalde responsable da área de Seguridade e Mobilidade, Julio Flores, informou sobre o dispositivo especial que poñerá en marcha o Concello con motivo da celebración de San Juan e que se aprobou na reunión da Xunta Local de Protección Civil celebrada esta mañá. “Durante a xornada de San Juan traballarán un total de 280 persoas no dispositivo de seguridade e emerxencias. Nos dous últimos anos duplicouse os recursos humanos municipais ata chegar a 185 persoas en 2013, nos que se inclúen os 6 bombeiros da nova Unidade Especializada en Rescates Marítimos que se estreará durante esa noite,” explicou Flores.

“O dispositivo tamén inclúe 2 médicos, 2 DUEs (diplomados universitarios en enfermaría) e 4 socorristas que traballarán durante toda a noite nas praias de Orzán e Riazor. Ademais, levarase a cabo un reforzo das liñas de transporte urbano e melloráronse os medios de seguridade e emerxencias cunha embarcación, un hospital de campaña, unha ambulancia e unha moto de auga” indicou, e continuou “por outro lado, se esta desenvolvendo unha campaña de prevención e información en centros educativos na que se está a mostrar un vídeo con consellos de seguridade e ambientais”, explicou.
Así, Flores destacou que o Goberno local organizou este dispositivo tendo en conta a previsión dunha maior afluencia de público ao coincidir en fin de semana e o día 24 ser festivo; do incremento do número de actividades de festas e ocio que se organizaron; e tamén tendo en conta as mareas. “É moi importante que os cidadáns teñan en conta que a hora da preamar é ás 5.30 da madrugada á fin de organizar a súa actividade nas praias” sinalou.

O concelleiro indicou que imos incidir nas actuacións preventivas coa elaboración dun Bando municipal que regule aspectos como, por exemplo, o horario de baixada de material ás praias, a altura das cacharelas, o baño, o horario para desaloxar os areais, ou os pasos a seguir á hora de organizar unha churrascada ou sardiñada”, explicou e engadiu: “Ademais comezamos unha campaña informativa coa presentación das actuacións que levarán a cabo as diferentes concellarías; con paneis informativos nos accesos ás praias, carteis nos farois do Paseo Marítimo e folletos repartidos por voluntarios nos accesos. Ademais entregaranse dípticos co programa e consellos de prevención e publicidade do reforzo das liñas de autobuses en medios, centros sociais e de ensino e tamén a través das redes sociais”.

No Dispositivo de Seguridade e Emerxencias aprobado pola Xunta Local de Protección Civil, traballará persoal do Corpo da Policía Local, do Corpo Nacional de Policía, Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento, Protección Civil, Cruz Vermella e 061. “O dispositivo terá unha duración de case 24 horas, xa que arrancará ás 10.00 horas do día 23 de xuño e concluirá ás 09.00 horas do día 24 de xuño, e coordinarase dende o Centro Móbil de Coordinación de Emerxencias, situado en La Coraza”, recordou o tenente de alcalde.

Flores informou de que a Policía Local establecerá dous dispositivos; o primeiro orientado á regulación e control do tráfico de vehículos e de peóns, que realizará o corte de tráfico no Paseo Marítimo ás 19 horas da tarde do 23 de xuño – unha hora antes que na edición do pasado ano. O segundo dispositivo encargarase do control de cacharelas e barbacoas e da seguridade na zona de praias, barrios da cidade e Paseo Marítimo.

O dispositivo estará formado por 72 axentes de Policía Local, 20 de Policía Nacional, 36 Bombeiros, 33 efectivos de Protección Civil, 6 do Servizo de Socorrismo en Praias e 38 persoas de Cruz Vermella, ademais de dous médicos e dous DUE, 4 socorristas e 6 bombeiros do novo servizo de rescate marítimo que vixiarán os areais utilizando unha embarcación durante toda a noite.

Respecto aos medios materiais, o tenente de alcalde de Seguridade explicou que neste dispositivo se dividiu a cidade nunha zona prioritaria que corresponde ás zonas de praias de Riazor – Orzán – Matadoiro, e outras catro zonas que coinciden cos sectores dos servizos habituais da Policía local; onde tamén se realizará o despregamento dos servizos de Bombeiros e de servizos móbiles de Protección Civil. “O despregamento inclúe 8 vehículos ama de bombeiros (un no Centro de Mando, 4 nos sectores da Policía Local, 1 na Falla e 2 no Parque de Bombeiros); 1 vehículo mando de bombeiros; 2 hospitais de campaña, un na zona de Riazor e outro no Orzán; 3 postos sanitarios, un deles no Orzán á altura do colexio Salesianos; 14 ambulancias, 2 delas medicalizadas; 5 vehículos; unha moto de auga; e 1 vehículo de apoio”, explicou.

O Voceiro municipal recordou que se poñerá a disposición dos cidadáns un servizo especial de transporte urbano, co funcionamento do Bus Bufo e o Bus especial Noche de San Juan entre as 00.00 e as 07.00 horas.

O tenente de alcalde de Seguridade Ciudadana tamén instou á prudencia dos coruñeses e visitantes para que “todos poidamos gozar da noite de San Juan” e agradeceu a colaboración de todos os integrantes da Xunta Local de Protección Civil que planificaron e coordinou o Dispositivo de Seguridade e Emerxencias San Juan 2013. “Participaron as áreas municipais de Seguridade e Mobilidade, Cultura e Festas, Medio, Infraestruturas, Comercio e Turismo, Corpo de Policía Local, Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento, Sección de Protección Civil; Corpo Nacional de Policía; Servizo Provincial de Emerxencias da Xunta de Galicia, Unidade Provincial de Protección Civil; Cruz Vermella; Servizo do 061; e diversas empresas que velarán porque a noite de San Juan sexa perfecta”, destacou e recordou ” un dispositivo que, por segundo ano, contará cun certificado de calidade”

XUNTA LOCAL DE PROTECCIÓN CIVIL

Por último, o tenente de alcalde explicou que a Xunta Local de Protección Civil tamén aprobou o protocolo de intervención ante Risco Químico e o protocolo ante avisos por fenómenos meteorolóxicos adversos. “Co protocolo ante Risco Químico preténdese determinar as zonas de intervención e alerta e dispoñer dunha estrutura organizativa de coordinación con base no parque de bombeiros da Coruña, en coordinación co Parque de Bombeiros de Arteixo e con persoal da Refinaría” sinalou, e concluíu “tamén actualizouse o protocolo de actuación ante fenómenos meteorolóxicos adversos, que activa e coordina os distintos servizos municipais unha vez que se recibe o aviso de alerta dende o 112”.

15 de maio de 2013 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.