Aprobada por unanimidade do pleno a creación de 41 novas prazas de Zona Azul en tres rúas do centro carballés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal
A-
A+

A corporación municipal carballesa vén de aprobar por unanimidade do pleno na sesión ordinaria de maio -de menos de media hora de duración- a sexta fase de ampliación de aparcamento regulado con Zona Azul no centro carballés. Nesta ocasión a medida supón a creación de 41 novos espazos de estacionamento regulado en tres rúas da vila: 15 deles estarían situados na rúa Compostela; outros 15 en toda a rúa Jacinto Amigo Lera (na imaxe), que adoita contar cun elevado número de vehículos ‘ventosa’ estacionados durante todo o día; e os 11 últimos estarán situados na marxe dereita da rúa Poñente en sentido Santiago-Malpica, xa que así o teñen solicitado varios establecementos da zona. A Zona Azul limita o aparcamento nestas prazas a 90 minutos, e impide, unha vez rematado este tempo, que o usuario poda estacionar de novo noutra praza de Zona Azul situada a menos de 250 metros do lugar de chegada. Ademais de limitar a duración do tempo en cada praza, os veciños e veciñas deben indicar no momento do aparcamento a hora de inicio do estacionamento. A ausencia desta sinalización é motivo de infracción. O horario de limitación comprende de 9.00 a 20.00 horas, agás os domingos, os festivos e a tarde dos sábados. O casco urbano contará, con estes novos 41 espazos, con preto de 600 prazas de estacionamento de Zona Azul nas principais rúas do centro.

28 de maio de 2013 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.