Aprobacións da Xunta de Goberno do Concello de Cangas
A Xunta de Goberno do Concello de Cangas celebrada o pasado luns, 20 de maio dos correntes, aprobou e deu conta dos seguintes puntos de interese:
1º.- Deuse conta do escrito remitido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística no que se lle comunica a concesión dunha axuda para a organización de programas para a Dinamización Lingüística no ámbito local a fin de consolidar e garantir o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, favorecendo a coordinación na tarefa normalizadora e de introducir pautas axeitadas para a planificación da actividade de dinamización social do galego.
Esta subvención permitirá, conscientes da necesidade de promover a coordinación en materia de dinamización lingüística entre as diferentes entidades e administración, a promoción da lingua mediante o emprego integrado de todas as actividades (formación, sensibilización lingüística, etc), co obxecto de incrementar o uso e o prestixio da lingua galega en toda a sociedade.
2º.- Aprobou iniciar expediente de contratación para a adquisición de dous vehículos, unha furgoneta para o departamento de obras e servizos e un turismo que se compartirá entre varios departamentos (notificadores, inspectores de obras e outros servizos municipais os cales se prestan con vehículos particulares dos que se pagan combustible e kilometraxe e, ademais rescindir dos contratos de alugueiro de vehículos que este Concello ten subscritos). Esta medida contemplada no Plan de Axuste aprobado polo Pleno en sesión celebrada o día 4.05.2012 ponse en marcha coa finalidade de reducir o gasto.
3º.- Aprobou as bases para a selección e posterior contratación laboral temporal de 3 patróns e 15 socorristas afectos ao servizo de salvamento nas praias. A contratación será de carácter laboral e temporal, de acordo coas condicións establecidas no artigo 3 do Real Decreto Lei 20/2011, de 30 de decembro, de medidas urxentes en materia orzamentaria, tributaria e financeira para a corrección do déficit público, cunha duración de dous meses e quince días, en réxime de xornada completa tal e como se contempla nas bases desta convocatoria. Os aspirantes que tendo superado a fase de oposición, e pola nota final non acadasen praza, confeccionarase un listado para cubrir as baixas ou renuncias que se puideran producir entre o persoal que si resultase seleccionado, adxudicándose a contratación ao seguinte aspirante en puntuación. O sistema de selección será o de oposición libre. Os que desexen tomar parte nas probas selectivas deberán facelo constar presentando a instancia dirixida á Alcaldía do Concello de Cangas, que deberá ser entregada no Rexistro de Xeral de Entrada do Concello de Cangas no prazo de dez días hábiles a contar dende o día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no taboleiro municipal e na páxina web do Concello (www.cangas.org), e en horario de atención ao público de 9:30h a 13:30h. Estas solicitudes obrigatoriamente deberán presentarse no modelo oficial marcando a referencia PRAZA DE PATRÓN/ PRAZA DE SOCORRISTA.











