Aplazada a mañá a reunión da Xunta de Goberno Local
O Goberno local decidiu aplazar a mañá a sesión extraordinaria que tiña previsto celebrar hoxe a Xunta de Goberno Local para atender un oficio do Xulgado de instrucción número 1 e non interferir no traballo dos axentes de Vixilancia Aduaneira que acudiron hoxe a dependencias do Concello de Lugo.
O Alcalde accidental e Voceiro do Goberno local, Luis Álvarez, explicou esta decisión nunha comparecencia antes os medios de comunicación, na que anunciou que a reunión da Xunta de Goberno Local celebrarase mañá ás 9.30 horas.
Álvarez, que asumiu, accidentalmente a Alcaldía, na tarde do pasado martes, por ausencia do Alcalde titular, José López Orozco, explicou que esta mañá acudiron a dependencias municipais membros do servizo de Vixilancia Aduaneira por encargo do Xulgado de instrucción número 1 dentro dunhas actuacións que están declaradas segredas, polo que o Concello ten a obriga de respectar o segredo sumarial e non pode divulgar información do alcance e contido das mesmas.
O Alcalde accidental explicou que o Concello, como non pode ser doutro xeito, está a dar todo tipo de facilidades para o cumprimento do que o Xulgado vén de decretar e tanto él, no exercizo das súas funcións como Alcalde como o Secretario Xeral do Concello, e os funcionarios concernidos por esta actuación están colaborando neste traballo.
Álvarez explicou tamén que o Alcalde titular, que se encontra fóra de Lugo, foi informado, como é lóxico e como sucede sempre con calquera incidencia relevante que se produza no Concello.