Antonio Beteta pon á Deputación de Ourense como exemplo de xestión e racionalización do gasto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseProvincias
A-
A+

O secretario de Estado de Administracións Públicas, Antonio Beteta, dixo hoxe na clausura da “II Xornada sobre o futuro das provincias” que a Deputación de Ourense que dirixe Manuel Baltar “é un exemplo de xestión e racionalización do gasto”, e citou temas como a Central de Compras ou servizos como a recollida de residuos, o saneamento ou a xestión de tributos como accións que leva a cabo a Deputación de Ourense que exemplifican “a eficiencia na xestión e a cooperación que debe existir entre os gobernos intermedios e os municipios”.

Asemade, Antonio Beteta asumiu o ofrecemento do presidente provincial para que a institución ourensá realice un plan piloto de “Racionalización da estrutura administrativa municipal”, que se implantará nas demais deputacións de España a partires de xaneiro de 2014, unha vez aprobada a nova lei, “porque o que pretendemos con ela son mellores servizos, aforro e calidade”. “Queremos avanzar na simplificación administrativa –engadiu o secretario de Estado-, como fai a Deputación de Ourense, e tamén na administración electrónica e na xestión centralizada dos tributos”, afirmou Beteta, afirmando neste aspecto que é “moi importante garantir o pago efectivo, porque se todos pagamos, todos pagaremos menos, e o que non paga fai que os demais teñamos que pagar máis”.

Beteta dixo que as deputacións “están chamadas a ser potenciadas na nova reforma, unha reforma coa que imos aforrar máis de 7.000 millóns de euros, algo esencial para conseguir a estabilidade nas contas españolas”. “Trátase –afirmou- dunha norma fondamente municipalista que avanza no saneamento financeiro dos entes locais, dando xogo ás deputacións e aos concellos porque chegou a hora “do ámbito local”.

“Innovación democrática”

A “II Xornada sobre o futuro das provincias” desenvolveuse no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense. No acto de inauguración, Manuel Baltar dixo que este é o momento máis acaído para a “innovación democrática”, “onde a participación, o diálogo e a integridade institucional deben ser os protagonistas”, e engadiu que temos a obriga como gobernantes de atender “de maneira impostergable” as demandas dos cidadáns, “exercendo a exemplaridade pública, a obxectividade, a responsabilidade e a transparencia”.

A xornada centrouse este ano no papel das deputacións provinciais no marco da reforma do goberno local. Neste senso, o presidente provincial destacou no seu discurso que o futuro das deputacións pasa polo seu redimensionamento, a asunción exclusiva de competencias propias e a súa transformación “en verdadeiras plataformas de servizos para os concellos”. “Un bo goberno local promociona espazos de participación, de diálogo e de cooperación. Cooperación que é a palabra máxica, a máis importante, nesta era da intermunicipalidade”, explicou.

Na xornada participaron tamén Xosé Luis Barreiro Rivas, doutor en Ciencias Políticas e profesor da Universidade de Santiago; Guillermo Márquez Cruz, catedrático da Universidade de Santiago, e Luis Míguez Macho, doutor en Dereito e profesor desta mesma universidade. Nos seus relatorios abordaron o papel das deputacións no marco da reforma do goberno local, e as ameazas e oportunidades que o estado descentralizado lles brinda ás deputacións provinciais.

10 de maio de 2013 | 20:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.