publicidade hoxe

Ana Fernández presenta o ciclo “Música con Estrella”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, acompañado por Cecilia Babarro, de Corporación Fillos de Rivera, e Farruco Castromán, de ZircoZine, presentou esta mañá o novo ciclo musical Música con Estrella que se celebrará na Ágora entre xuño e novembro. Neste proxecto conta coa colaboración da Corporación Fillos de Rivera e a produtora ZircoZine: “Este novo evento musical nace co obxectivo de crear entretemento e aumentar e complementar a programación musical da cidade”, explicou a concelleira.

Ana Fernández anunciou que entre o 8 de xuño e o 22 de novembro a Ágora acollerá un total de sete concertos protagonizados por artistas nacionais e internacionais dirixidos a todo tipo de públicos, tanto en idade coma en estilos: “Durante 5 meses pasará pola Ágora unha coidada selección de bandas e artistas do mundo do jazz, o blues, o soul e o rock. Dende artistas consolidados con moitos anos de experiencia a novas promesas”, avanzou e engadiu que a Vargas Blues Band será a encargada de abrir o ciclo o sábado 8 de xuño ás 21.30 horas. Seguirao o grupo de rock alternativo Spin Doctors; os ritmos brasileiros e o soul de Sara Pi; a premiada India Martínez; o ritmo de Freedonia, a artista revelación Chila Lynn; e o proxecto de Rozalén, adaptado a lingua de signos.

A responsable de Cultura sinalou que a Ágora é o espazo idóneo para este ciclo por ser un centro multifuncional que pretende complemente a múltiple e variada oferta existente nos locais privados e recintos públicos da cidade, cunha programación que cubra a demanda de todo tipo de espectadores para consolidar A Coruña como un referente do panorama musical.

As entradas venderanse a través das canles habituais con prezos que oscilan entre os 12 e os 25 euros con descontos de 2 euros sobre o prezo da entrada anticipada para xubilados, parados e usuarios de carné novo.

Para acceder a toda a información pincha aquí.

28 de maio de 2013 | 12:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.