Ampliación do prazo de inscrición do curso de creación de empresas turísticas no PCT Puertas de Galicia
Ata o vindeiro venres 31 de maio estará aberto o prazo de inscrición do curso de creación de empresas turísticas, programado polo Plan de Competitividade Turística Puertas de Galicia e dirixido a todas as persoas interesadas na posta en funcionamento dunha empresa neste sector, que constitúe unha oportunidade para aqueles/as que decidan traballar por conta propia.
Os principais obxectivos deste acción formativa son orientar sobre os pasos a seguir para poñer en marcha unha empresa, analizar ideas de negocio aproveitando os recursos turísticos do territorio de Puertas de Galicia, proporcionar ferramentas e metodoloxías para analizar a viabilidade dunha idea empresarial, apoiar aos asistentes na elaboración dun plan de negocio e proporcionar coñecementos e habilidades para poñer en marcha e xestionar o propio negocio.
O curso desenvolverase en 8 sesións formativas de 4 horas cada unha e conta coa posibilidade de tutorización presencial e on-line para realizar consultas aos profesores e analizar cada proxecto de xeito particular. Terá lugar, de xeito simultáneo, nas localidades de Viana do Bolo e Verín, e aquelas persoas que desexen participar deberán inscribirse no seguinte correo electrónico paulatenreiro@nxn.es, indicando os seus datos persoais, e a localidade onde desexan asistir (Verín ou Viana). As datas de inicio do curso serán comunicadas, en breve prazo do tempo, a cada un/unha dos/as participantes no mesmo.
O Plan de Competitividade Puertas de Galicia está promovido por Turespaña, Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia e doce municipios (Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín, Vilardevós, A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso), integrados na Asociación de Municipios para o Plan de Competitividade Turística das comarcas de Monterrei e Conso-Frieiras, e a Asociación de Empresarios de Turismo e Hostalería Puertas de Galicia. Entre os obxectivos deste plan están a busca de especialización tanto no destino como no produto, deseñar unha oferta capaz de introducir a experiencia turística como elemento motivador da viaxe, así como a busca da mellora da competitividade das PEMES e MPEMES turísticas para lograr a sostenibilidade do territorio.