Amor reúnese con representantes de Medio Ambiente para coordinar os traballos de abastecemento de auga na Barouta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesLocal
A-
A+
Visita á zona de obras na Barouta

Visita á zona de obras na Barouta

O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, mantiveron o venres unha reunión con representantes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e con responsables das obras de mellora e acondicionamento do firme que se están levando a cabo na estrada Roxos-Portomouro. O obxectivo deste encontro foi coordinar os traballos que levará a cabo na zona o Concello de Ames para a ampliación do abastecemento de auga no lugar de Barouta.

Con motivo da próxima execución das obras de abastecemento de auga no núcleo de Barouta, o Concello de Ames solicitou permiso á Axencia Galega de Infraestruturas para realizar un cruce na estrada AC-543 Roxos-Portomouro. Parte do trazado das obras de ampliación do abastecemento de auga a Barouta discorre paralelo a esta estrada e, ademais, proxectase realizar mediante topo un cruzamento baixo a mencionada estrada.

O rexedor amiense e a concelleira de Medio Ambiente abordaron cos representantes da Consellería a idoneidade de levar a cabo estes traballos neste momento, no que a estrada se atopa en obras. O alcalde destacou a importancia de aproveitar este momento, no que se están realizando obras de mellora e acondicionamento do firme da AC-543, “co obxectivo de simultanear e coordinar os traballos da Xunta cos que realizará o Concello, evitando producir maiores molestias aos usuarios da vía”.

Características das obras

A través deste proxecto de abastecemento de auga en Barouta, que está incluído no Plan de Obras e Servizos 2012 da Deputación da Coruña e no que se investirán máis de 82.600 euros, vaise mellorar a calidade do servizo que recibe actualmente o CEIP de Barouta e vaise ampliar o servizo a un gran número de veciños/as deste lugar da parroquia de Ames. O proxecto enmárcase dentro da planificación de abastecemento do Concello que ten como obxectivo acondicionar as redes secundarias da rede de saneamento e abastecemento municipal.

As obras que se acometerán no lugar de Barouta consisten na execución dunha canalización de polietileno de 2.320 metros de lonxitude, conectando o núcleo de Barouta dende a rede existente en Pedrouzos, previa escavación de gabia e posterior recheo compactado.

O obxectivo destes traballos é continuar coa rede de abastecemento municipal nesta zona, para o que se contempla a utilización de 2.320 metros de canalización coa correspondente instalación de valvulería e arquetas de aloxamento. Finalmente, levarase a cabo a reposición do pavimento afectado pola execución das obras, semellante ao existente, así como o entronque á rede existente e probas hidráulicas.

6 de maio de 2013 | 18:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.