Ames proxecta acondicionar para aparcamento de vehículos a parcela situada ao lado do Centro de Saúde de Bertamiráns
O Concello de Ames proxecta levar a cabo o acondicionamento da parcela situada na parte posterior do Centro de Saúde de Bertamiráns para facilitar o estacionamento de vehículos. Deste xeito, a parcela, que foi limpada polo Concello esta semana, daría servizo aos cidadáns que se acheguen cos seus vehículos ao centro sanitario ou á Casa da Cultura. Esta medida forma parte dun conxunto de iniciativas que se proxectan para a zona da Travesía do Pedregal co obxectivo de mellorar a circulación de peóns e vehículos.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, acompañado de técnicos municipais achegouse ata a zona para avaliar as posibles medidas que se poden poñer en marcha. O obxectivo destas actuacións sería, segundo subliñou o rexedor amiense, “levar a cabo unha serie de traballos que permitan ampliar o número de prazas de aparcamento nesta zona tan transitada polos veciños e veciñas de Bertamiráns pola proximidade do centro sanitario e da Casa da Cultura e mellorar, en xeral, as condicións da Travesía do Pedregal tanto para os camiñantes como para os condutores”.
Entre as actuacións que estuda realizar o Concello nesta zona tamén está a de ampliar tramos de beirarrúa existentes e de construír os tramos que faltan na Travesía, co obxectivo de mellorar as condicións do tránsito de peóns por esta rúa. Tamén se contempla a posibilidade de establecer a dirección única de vehículos en dirección ao Centro de Saúde, co obxectivo de darlle maior fluidez e acadar unha zona de aparcamento máis ampla.
Ademais, xa está prevista a construción dunha rotonda na Travesía do Pedregal e a instalación de pasos de peóns elevados nas proximidades para limitar a velocidade dos vehículos que circulan por esta zona.











