Alumnos de Infantil e Primaria participan nunha actividade do Concello na que coñecerán as zonas termais da cidade
A orixe das zonas termais da cidade, as propiedades dos seus minerais, e as principais zonas de surxencias termais serán algúns dos coñecementos que adquirirán os alumnos de Educación Infantil e Primaria de varios centros educativos da cidade, nunha actividade da Aula de Natureza na que colaboran as Concellerías de Educación e Termalismo.
Así, mediante a posta en común de coñecementos, medios e actividades, o Concello promove entre os nenos e nenas o interese no desenvolvemento termal desde unha perspectiva territorial, turística, sanitaria, social, científica, cultural, medioambiental e hidromineral. Ao mesmo tempo, contribúe á mellora da calidade do medio ambiente, á protección dos acuíferos e os xeorecursos termais, a biodiversidade, e a conservación e desenvolvemento sostible dos recursos naturais e do medio rural.
Coas visitas as zonas termais de As Burgas, Chavasqueira, Tinteiro, Muíño da Veiga e Outariz, os nenos coñecerán a cultura local e os valores que favorecen a conservación do patrimonio histórico, arqueolóxico e documental relacionado co termalismo, así coma o aproveitamento racional dos recursos enerxéticos.
A actividade, á que asistiron hoxe 25 alumnos do colexio Cardenal Cisneros, deu comezo o día 21 de marzo e terá unha duración de dez días.