AFAL xa cubriu as prazas para o Curso de Coidador Sociosanitario de Persoas Dependentes
A falta de practicamente unha semana para que se peche o prazo de inscrición, AFAL Ferrolterra xa cubriu as 25 prazas ofertadas no curso de Coidador Sociosanitario de Persoas Dependentes. Unha positiva resposta que a asociación quere agradecer. De todos os xeitos, a presidenta, Milagres Prieto, explicou que todas aquelas persoas interesadas en participar na acción formativa poden anotarse ata o próximo xoves, 16 de maio, xa que pasarán a formar parte da lista de espera. A intención de AFAL Ferrolterra é reeditar o curso no último trimestre do ano, co que as persoas que non poidan realizalo nesta ocasión terán prioridade na nova convocatoria.
Segundo explicou Milagros Prieto, o obxectivo do curso é dotar os coidadores da información, coñecementos e habilidades necesarias para desenvolver de forma eficaz o seu papel. Así mesmo, sinala que busca mellorar a autoestima dos coidadores principais e proporcionarlles información sobre recursos sociosanitarios. O custo da actividade é de 30 euros para os socios da entidade e de 50 para os non socios. Prezo que, en ambos os dous casos, inclúe a participación nos dous módulos nos que se estrutura o curso.
Organizado por AFAL Ferrolterra coa colaboración do Sergas, o curso estará impartido por un equipo multidisciplinar integrado por Silvia Loureiro (logopeda), Sofía Bellón (psicóloga), Alba Romeiro (educadora social), Noelia Ríos (terapeuta ocupacional), Iria Abad (traballadora social), Jesús Victoria (pedagogo) e Araceli Prieto (enfermeira). De 30 horas de duración, está estructurado en dous módulos formativos. O primeiro deles desenvolverase entre o 20 e o 24 de maio e o segundo, do 27 ao 31 do mesmo mes. Nun e outro caso, as clases desenvolveranse na sede da asociación, en horario de tarde (de 16 a 19 horas). Neste trataranse temas como os coidados que precisa a persoa dependente ou o propio coidador, así como as claves para mellorar a calidade de vida nun e outro caso.
Recentemente, o Sergas declaraba este curso de AFAL de interese sociosanitario, de modo que agora a acción formativa puntúa de cara á obtención do certificado de profesionalidade. Por último, a asociación recorda que as persoas interesadas en anotarse nesta acción formativa poden facelo na sede da asociación en Ferrol, na rúa Río Castro, 43-45 baixo, ou solicitar máis información no teléfono 981 370 692.











