Aberto o prazo de inscrición para participar no IV Tetramaratón de San Sadurniño
O próximo 1 de xuño celebrarase no pavillón municipal a cuarta edición do tetramaratón de San Sadurniño. Unha cita deportiva na que poderán participar persoas maiores de 15 anos agrupadas en equipos reducidos que xogarán a volei, fútbol sala, baloncesto e hockei. A inscrición é gratuíta e o prazo remata o xoves 30 de maio.
Os encontros comezarán ás 9.30h. e desenvolveranse durante toda a xornada. Hai catro disciplinas distintas e adaptadas a este tipo de competición tanto en duración como en número de compoñentes dos equipos, que terán que ter un mínimo de cinco xogadores e un máximo de seis.
No volei 4×4 disputaranse dous sets a 7 puntos -punto directo con cambio de saque- con catro xogadores no campo por equipo. No caso do fútbol sala só haberá un tempo de 10 minutos sen parar o crono e os penaltis que poida haber lanzaranse desde o medio do campo sen porteiro. Para o baloncesto de tres contra tres tamén haberá un único tempo de 10 minutos a reloxo corrido, todas as canastras valerán dous puntos e non existirá o campo atrás. Por último, no hóckei permitirase xogar con ou sen patíns e, igual que nos anteriores deportes, o tempo correrá sen pausa durante 10 minutos.
Cada partido gañado serán dous puntos, o empate un punto e o partido perdido cero puntos. Os catro equipos que acaden unha maior puntuación xogarán as semifinais. En caso de empate entre dous equipos xogarase un partido de desempate elixindo o deporte por sorteo. Se volvese haber empate o pase decidirase cun penalti, tiro libre ou saque directo ata que un dos dous falle.
As inscricións son obrigatorias e poderán facerse ata o xoves 30 de maio entregándoas cubertas na casa da Cultura en horario de 9.30 a 14.00 horas. Tamén é alí onde nos facilitarán máis información ao respecto de como se desenvolverá o tetramaratón. A participación é gratuíta e haberá premios para o primeiro e segundo clasificados. O gañador recibirá un cheque de 50 euros por xogador para mercar material deportivo, mentres que os subcampións levarán cadanseu talón por valor de 25 euros, tamén canxeable por material en Deportes Sanesteban.
O IV Tetramaratón de San Sadurniño está organizado pola Concellaría de Deportes coa colaboración do C.V. Aldebarán e o Clube de Fútbol San Sadurniño.