publicidade hoxe

Abegondo aproba unha baixada dun 15% no imposto de construcións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondoLocal
A-
A+
Un isntante do pleno

Un isntante do pleno

O Concello de Abegondo ten dende hoxe o imposto de construcións e obras máis baixo da área metropolitana da Coruña. Así
aprobouno o pleno no mediodía de hoxe, por proposta do goberno local, que aplica a medida como incentivo para a construción e a chegada de novos veciños ao municipio.

O tipo impositivo do ICIO redúcese nun 15%, quedando fixado un 2,4%, a cota máis baixa dos 9 Concellos que forman parte do Consorcio As Mariñas, e en algúns casos con moita diferenza.

Coa medida, o equipo de goberno quere promover o acceso á vivenda e o desenvolvemento económico do municipio, que virá da man dun crecemento poboacional, anhelado polos residentes. Abegondo dispón de todas as infraestruturas básicas e equipamentos para acoller máis poboación. E dende o pasado outono un Plan Xeral de Ordenación Municipal que propugna un desenvolvemento ordenado do termo, fomentando as vivendas de carácter unifamiliar.

O alcalde, José Antonio Santiso, aposta por adoptar medidas extraordinarias como esta dada a difícil situación económica actual. Desta baixada do imposto veranse beneficiados non só os posibles novos veciños, senón tamén os xa residentes que en moitos casos levan esperando ao Plan Xeral para construír vivendas. Santiso defendeu no pleno que a medida se pode adoptar grazas á boa saúde económica que vive actualmente o Concello de Abegondo. Un remanente de tesouraría de máis de 300.000 euros, sen ningún crédito bancario subscrito, permite esta redución do ICIO. “Se logramos aumentar a poboación, conseguiremos desenvolvemento económico e emprego. Y xunto cos servizos sociais son a nosa maior prioridade”, asegura o primeiro edil.

O alcalde explicou no pleno que a semana pasada o Concello outorgou a primeira licenza de obra, tras a aprobación do regulamento do Plan Xeral. Os servizos municipais de urbanismo recibiron outras 21 solicitudes de licenza, un número elevado que transmiten ao goberno municipal unha “expectativas estupendas” sobre o desenvolvemento do PXOM.

Non obstante, o alcalde ten claro que os resultados se verán dentro duns anos, período que necesita calquera plan urbanístico para facer unha valoración rigorosa. “Un Plan Xeral non é unha vara máxica”, afirmou Santiso, que explica que a reactivación da construción necesita que mellore a situación económica, ademais de medidas incentivadoras como a que tomou hoxe o Concello.

Taxas e presupostos

Ademais, o pleno acordou aplicar a perceptiva suba do IPC ás taxas de rede de sumidoiros e de abastecemento de auga, unha condición obrigada tal e como marcan os contratos coa concesionaria.

Sobre os presupostos, o interventor sinalou que xa conta cun borrador. O alcalde avanzou no pleno que a contía será similar á do ano pasado e que a previsión de os servizos económicos municipais pasa por poder efectuar a convocatoria do pleno extraordinario nos próximos días.

15 de maio de 2013 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.