A XVII Festa da Troita en Sigüeiro incluirá a degustación de máis de 900 quilos deste peixe
Os visitantes da XVII Festa da Troita, que terá lugar en Sigüeiro (Oroso) os días 10, 11 e 12 de maio, poderán degustar este ano máis de 900 quilos de troita. A maior parte desta cantidade será degustadas na xornada do domingo 12 de maio, ben na degustación gratuíta organizada polo Concello na Alameda de Góis ben nun dos 34 bares que ofrecerán troitas con cada consumición.
O coordinador da Festa da Troita, Antonio Leira, destaca e agradece “a colaboración dos 34 establecementos de hostalería que participan na degustación de troitas e que fan un investimento importante para poder agasallar aos seus clientes”. Ademais, explica que “como novidade, este ano haberá unha polbeira que ofrecerá troitas entre os seus pratos polo que, por primeira vez, haberá a posibilidade de tomar troitas en Sigüeiro os tres días da festa”. Unhas troitas que, no caso da polbeira, correrán a cargo dos clientes dese negocio.
Leira Piñeiro considera que “a pesar da crise económica, penso que contamos cun programa de festexos atractivo para atraer a un gran número de visitantes. Semella que o tempo nos vai acompañar, polo que agardamos superar os 25.000 visitantes do ano pasado. O que suporá un importante apoio para o sector hostaleiro orosá”. Unha programación que non só mantén as actividades características da Festa da Troita, que a levaron a ser a primeira e única festa da comarca de Ordes declarada de Interese Turístico, senón que este ano incorpora novidades como teatro musical ou un obradoiro de xoias e recupera actividades como a concentración de coches clásicos e antigos.
Neste sentido, o coordinador da Festa da Troita destaca que “debido á crise económica, traballamos cun orzamento moito máis reducido que noutras edicións pero, grazas ao traballo de todos, conseguimos que a calidade da festa non se vexa afectada e mesmo podemos propoñer cousas novas cada ano”. Un punto no que Leira Piñeiro agradece especialmente a colaboración das asociacións folclóricas Lembranzas do Tambre e Buxos Verdes, así como da agrupación cultural Néboas no Cumio, que farán distintas actuacións e pasarrúas en Sigüeiro durante a festa.
Orquestras e golf
A XVII Festa da Troita manterá o Festival Oroso en Vivo, que traerá a Oroso ás mellores orquestras do momento: París de Noia e Olympus (que repetirán o venres 10 de maio logo do éxito acadado en 2012), Marbella e Claxxón (que actuarán o sábado 11 de maio) e Fania (que despois do éxito do ano pasado, nesta edición fará dobre quenda o domingo 12 de maio coa sesión vermú e a verbena da tarde). Tamén se mantén no programa unha das grandes sorpresas da edición anterior: a exhibición de hip hop e break-dance, que terá lugar o sábado 11 de maio ás 19:30 horas na praza de Isaac Díaz Pardo. Canda eles figura unha das novidades do programa deste ano: o teatro musical “A nena e o grilo nun barquiño”, que chegará da man do programa Falaredes o venres 10 de maio ás 19:00 horas no centro cultural.
En canto á parte deportiva da festa, Porto Avieira acollerá a segunda edición do Torneo Picht & Putt Festa da Troita na mañá do sábado, de 10:30 a 13:45 horas. Unha competición que se desenvolverá no campo de Tambre Golf e que serve de preámbulo á próxima celebración do mundial da especialidade, que terá lugar en Oroso o vindeiro mes de xullo. Así mesmo, o tradicional concurso de pesca mantén os cambios realizados en 2012, polo que se disputará baixo a modalidade de pesca sen morte e de acordo coas normas da Federación Galega de Pesca. Antonio Leira destaca que “con este cambio poderemos ampliar as horas de pesca, de xeito que o campionato pasará a durar todo un día fronte ás catro horas de anos anteriores”.
O campionato de pesca disputarase sábado 11 de maio, no canto de ter lugar na mañá do domingo. Este cambio suporá unha importante mellora loxística, pois así non haberá atraso no pregón, que este ano correrá a cargo do actor e humorista Federico Pérez, coñecido por programas como “Era visto” ou “Padre Casares”.
Feira da Arte e programación infantil
Tamén se mantén outra das iniciativas máis aplaudidas dos últimos anos: a Feira de Artesanía e dos Oficios, onde estarán presentes entre 20 e 25 artesáns. Se a gran novidade de 2012 foi un forno de fundición de bronce, a deste ano será un obradoiro de xoiería-azabachería no que poderán participar os visitantes. Tampouco faltarán á súa cita o sábado e o domingo os artesáns da talla de madeira, da cantería, da pintura, do coiro, da cestería… que estarán traballando en vivo diante dos milleiros de persoas que visiten Sigüeiro durante a Festa da Troita, interactuando cos visitantes e ofrecendo a posibilidade de participar nalgunhas actividades.
Por último, o Concello de Oroso non se esquece da poboación infantil que, ademais de poder tomar parte o domingo no Campionato de Pesca Infantil no río Carboeiro, tamén poderá participar nuns obradoiros deseñados especialmente para eles durante as xornadas do sábado e do domingo nos arredores da praza de Isaac Díaz Pardo.
Para acceder á programación pincha aquí.