publicidade hoxe

A Xunta de Goberno aproba un crédito de 55.000 euros para a reposición de cable do alumeado público

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSantiago de Compostela
A-
A+

Foi un dos asuntos máis relevantes da última sesión de maio da Xunta de Goberno, que tamén deu luz verde á adxudicación das obras de mellora en viarios do rural e aprobou definitivamente as listas de admitidos e de agarda nas escolas infantís de Conxo e Fontiñas. Na Xunta de Goberno aprobouse incoar un expediente extraxudicial de crédito por importe de 55.000 € co obxecto de poder afrontar os gastos derivados da adquisición de cableado para o alumeado público, xa que os roubos deste material están provocando graves incidencias no servizo que se presta aos veciños. Este asunto recibirá a aprobación do pleno na sesión ordinaria de maio.

Tamén na orde do día figuraba o pago de 272.169, 18 euros á empresa Sermasa polos servizos de limpeza, conserxería e control das instalacións dos centros públicos de Educación infantil e primaria correspondentes aos meses de xaneiro a marzo de 2013; e de 172.161, 66 euros á empresa ISS Facility Services, encargadas dos traballos de limpeza en edificios municipais. Neste caso o importe correspóndese coas facturas dos dous primeiros meses deste ano.

Educación e Benestar

Por urxencias tramitouse a aprobación definitiva das listas de admisión, de agarda e de exluídos nas escolas infantís municipais de Conxo e Fontiñas para o curso 2013-2014, co seguinte resultado: de 0 a 1 anos hai 55 nenos en lista de agarda, 136 de 1 a 2 anos e 40 de 2 a 3 anos. No ámbito da Concellería de Benestar, deuse luz verde á convocatoria para a concesión de bolsas de comedor escolar nos colexios de primaria públicos e concertados por un global de 70.000 euros. A axuda máxima por neno será de 80 euros. Así mesmo, a comisión aprobou diversas axudas de carácter social por importe de 22.900 euros.

Obras

Neste apartado adxudicáronse as obras de mellora e acondicionamento de varios viais do rural, dentro do plan DTC-94 da Deputación da Coruña. Son os seguintes: vial San Marcos, vial Reborido-Ameixenda, Marzo de Abaixo-Quintáns, A Sionlla de Arriba-cruce coa N-550 e, por último, melloras de gabias en cen quilómetros nas parroquias do medio rural. Fóra deste plan, pero financiado con fondos europeos FEADER, adxudicouse o contrato para a construción do campo de festa en Nemenzo.

Normalización Lingüística

Nesta sesión tamén se trataron dúas propostas da concelleira delegada de Normalización Língüística. A primeira delas relativa á resolución do I concurso de Proxectos de Publicidade Comercial en Galego. En segundo lugar, deuse conta da concesión dunha axuda por parte da Secretaría Xeral de Política Linguística para o mantemento e reforzamento do servizo linguístico por un importe de 7.607 €.

Por último, aprobouse o inicio do expediente para a contratación da asistencia xurídica do Concello.

30 de maio de 2013 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.