publicidade hoxe

A XIII Festa do Camioneiro congrega a 200 vehículos pesados nas rúas pontesas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs PontesLocalLocal Portada
A-
A+
Desfile de camións polas rúas pontesas

Desfile de camións polas rúas pontesas

O Concello de As Pontes, mediante a Concellería de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio e o Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC); a Asociación do Colectivo de Transportistas do Carbón (A.C.T.C), a Asociación de Empresarios e Comerciantes de As Pontes e o Colectivo Transpuerto Ferrol – As Pontes, renderon hoxe novamente unha nova homenaxe ao mundo do transporte por estrada mediante a XIII Festa do Camioneiro.

Un novo éxito de convocatoria que logrou atraer a atención de moitos ponteses e pontesas e veciños doutros municipios que hoxe pasearon polas rúas máis céntricas do pobo, para desfrutar non só da maxestuosidade dos grandes trailers que percorreron o casco urbano, senón tamén de exposicións de vehículos clásicos, de exhibicións de velocidade ou, como non , dun saboroso xantar popular.

De feito, o propio presidente da A.C.T.C e un dos principais responsables desta cita, Manuel Bouza, apuntaba que os niveis de participación foron semellantes ao 2012 con máis de 190 vehículos pesados percorrendo as rúas de As Pontes e 400 persoas no xantar popular. Bouza calificaba esta Festa do Camioneiro coma un novo éxito e tamén daba conta de incluír, este ano, o I Mercado de Oportunidades de Verán (MOVE), unha experiencia moi positiva que permitiu que o sector do transporte e o do comercio se axudasen mutuamente.

E é que a programación ideada para esta xornada merecía contar con todo o apoio da cidadanía que xa dende ben cedo saía á rúa para desfrutar da tradicional caravana de camións que partía do barrio da Casilla e que remataba na rúa do Meidelo tras percorrer zonas coma o Rego do Muíño, a avenida de Galicia ou a avenida de Castelao.

200 vehículos pesados, escoltados por varios turismos de época, karts e coches de rallye integraron esta roita que permitiu a moitos desfrutar dun espectáculo incomparable cos grandes das estradas coma protagonistas.

Posteriormente, celebrábase unha misa en honra a este colectivo e unha sesión vermú e, como non podía ser doutro xeito, tocaba tamén participar no xantar popular que, unha vez máis, volveu contar cunha gran afluencia do público, a maioría vencellada ao mundo do transporte.

Unhas 400 persoas, entre as que atopamos a transportistas, representantes da política local e veciños e veciñas do municipio, se animaron a desfrutar dun saboroso menú que tivo como escenario o patio do Colexio Santa María.

Xa pola tarde o programa de actividades continuou ofrecendo múltiples propostas para todas as idades e que ían dende inchables para os máis novos e que, gratuitamente, quedaron instalados na Praza de América, ata exposicións dos últimos modelos de camións e de coches antigos e que encheron a Avenida de Ferrol e varias rúas do centro urbano.

Asemade, este ano apostouse novamente por unha exhibición de coches de competición que xa en 2012 lograba captar a atención dunha gran cantidade de público. Nesta ocasión, karts e vehículos de carreiras percorreron a Avenida de Galicia e a zona de Perfolla nun circuíto ateigado de obstáculos e que puxo a proba a pericia ao volante de expertos pilotos.

Como broche de ouro tocaba desfrutar da verbena que se desenvolveu na Praza  de América e que prolongou esta homenaxe ao xigantes trailers ata ben entrada a madrugada.

11 de maio de 2013 | 13:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.