A XI Feira de Artesanía de Cambre servirá este ano de plataforma para dar a coñecer a novos negocios
O Concello de Cambre E a Asociación de Empresarios de Cambre organizan o vindeiro mes de xuño, (14, 15 y 16) a XI Feira do Comercio e Artesanía de Cambre. Este ano o goberno municipal desexa ir máis lonxe no apoio ao tecido empresarial e fará un esforzo económico adicional para poder contar coa participación activa das novas empresas de todo o municipio, polo que anima a estar presentes neste punto de encontro para dar a coñecer os negocios, nun evento que ano tras ano recibe miles de visitantes non só de Cambre senón de moitos outros concellos.
Os obxectivos da feira son tanto promover o comercio, a hostalaría, a industria e a artesanía de Cambre, estimular as compras e o consumo interno e servir como nexo de unión entre todo o empresariado do concello. Con este motivo, ademais da presenza de moitas empresas expositoras na tradicional carpa principal, con estáns de comercio, servizos e artesanía, están programadas unha serie de actividades paralelas, que van dende distintas demostracións dos participantes, ata xogos infantís, pasando por actividades culturais, etc., todo iso coincidindo coa tradicional feira de Cambre que se celebra o propio día 16 de xuño.
Ao ser conscientes das dificultades que supón a posta en marcha dunha empresa, o goberno local quere quere contribuir á que se faga real a vosa presenza nun espazo propio e específico, habilitado para persoas emprendedoras de Cambre, que vai dirixido á:
1) Empresas instaladas en Cambre dende o 1 de xaneiro de 2012.
2) Proxectos empresariais en fase de posta en marcha.
Para a correcta xestión do espazo, cómpre que todas as persoas interesadas contacten ata o 16 de maio de 2013 cos servizos técnicos da Axencia de Desenvolvemento Local (a través do teléfono 981 613 128, ext. 148 e ext. 320. ou a través do correo electrónico adl@cambre.org).











