A Torre de Hércules únese á celebración do Día da Ciencia na Rúa cunha xornada de portas abertas
Co obxectivo de fortalecer os vínculos da Torre de Hércules cos Museos Científicos da cidade, o Concello de
A Coruña, a través da área de Turismo que dirixe Luisa Cid, únese á celebración do Día da Ciencia na Rúa, que se celebra o sábado, 4 de maio, cunha xornada de portas abertas con visitas guiadas e a ampliación do horario de atención ao público ata as 19.30 horas.
Redescubrindo a Torre e Tempos de navegación son os temas en torno aos que xirarán as visitas. A primeira centrarase no contraste entre lenda e ciencia, a reforma ilustrada e a escavación arqueolóxica; mentres que a segunda abordará a Torre dende unha perspectiva tecnolóxica, relacionándoa co Muncyt (Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía) e o Museo dos Reloxos.
En canto ás quendas das visitas, con grupos de 15 persoas cada un, serán os seguintes:
– Quenda de mañá: dúas visitas ás 11.00 horas e outras dúas ás 12.30 horas.
– Quenda de tarde: dúas visitas ás 17.00 horas e outras dúas ás 18.30 horas.
As persoas interesadas en participar nas visitas poderán apuntarse nas oficinas de turismo da cidade ou no teléfono 981 923 093. Esta iniciativa enmárcase dentro do obxectivo de mellorar o coñecemento sobre a vinculación da Torre de Hércules coas ciencias, a través da presentación da arqueoloxía como disciplina científica e do faro como elemento tecnolóxico.
Ao longo de todo o ano, o Concello leva a cabo un importante traballo para reforzar a imaxe da Torre de Hércules como elemento representativo da cidade, dando presenza ao monumento en diferentes manifestacións culturais da Coruña e implicando os coruñeses e coruñesas na divulgación do faro como símbolo da identidade da cidade.











