publicidade hoxe

A soleira e exquisitez das antigüidades e labores, cativan ao público no recinto feiral estradense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaLocalLocal Portada
A-
A+
Palilleiras que participaron no encontro

Palilleiras que participaron no encontro

Ás dez da mañá, sobre o horario previsto, o recinto feiral estradense, abría as súas portas ao público para mostrarlles o segundo dos certames do seu calendario feiral: 41ª Feira de Antigüidades e 2ª Feira de Labores.

Á mesma hora, comezaron a chegar ao recinto as primeiras trece asociacións de palilleiras, en total, preto de centenar e medio de integrantes, estando previsto que na xornada de hoxe domingo, se superen de sobra as duascentas cincuenta participantes máis, pertencentes a outras dezaseis asociacións distintas.

Se o Encontro de Palilleiras suscitou grande interese, non foi menos o interese espertado pola Asociación Cabanas Rural que sorprenderon o público cunha mostra didáctica que percorre todas as fases do traballo da la, dende o cardado, ao fiado e chegando á confección final do produto. Unha vintena de fiandeiras ataviadas á antigüa usanza, conseguiron atraer a atención dos visitantes.

Na xornada do sábado, ao igual que na de hoxe domingo, tivo lugar un sorteo de lotes promocionais, doados por institucións públicas e privadas, colaboradoras directas do certame e igualmente como colofón da xornada do sábado, os artistas locais Natalia Arca e Luis Rivas, deleitaron aos presentes cun skech humorístico, cuxa dirección correu a cargo da actriz galega Anabel Gago, premio de teatro María Casares en 2006 e 2007 e coñecida polas súas incursións artísticas nas series da televisión de Galicia: Rías Baixas, Terras de Miranda, Gondar, etc…

Para hoxe, está previsto que ás cinco e media da tarde, as artistas locais Lola Puente e Begoña Sánchez, deleiten aos presentes con outro skech de corte cómico cuxa directora é a mencionada actriz da TVG, Anabel Gago.

Previamente á actuación humorística, terá lugar o segundo dos sorteos de diversos lotes promocionais contendo artigos de ocio e entretemento, vinculados ao mundo dos labores.

Pola súa banda e sobre todo coincidindo coas horas centrais da tarde, o pavillón de anticuarios encheuse de amantes do coleccionismo e das pezas que nos retrotraen a épocas do pasado, nuns casos máis recente e noutros non tanto.

11 de maio de 2013 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.