publicidade hoxe

A segunda fase da canalización do regato da praia chega ao Paseo Marítimo e ao Parque da Concha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

Os traballos de canalización do regato de Guillán, que desemboca na praia da Concha, entran esta semana na súa segunda fase, o que implica que as obras afectarán a un tramo do paseo marítimo e á parte central do parque da Concha. Por motivos de seguridade, a zona afectada pecharase, polo que para salvar este treito, os peóns deberán circular pola beirarrúa de Rosalía de Castro.

A empresa que leva a cabo as obras comunicou o venres ao Concello que ten previsto iniciar esta semana a segunda fase da actuación, despois de concluír os traballos realizados no tramo do areal. A segunda fase dará continuidade á canalización soterrada que, dende a praia, seguirá o seu curso atravesando o paseo marítimo e a parte central do parque. Unha vez rematadas as obras neste treito, que aínda se prolongarán varios días, comezarase a terceira fase, que afectará á Avenida Rosalía de Castro. A data de inicio dependerá do ritmo ao que avancen os traballos no parque.

En calquera caso, a empresa e responsables municipais e da Policía manterán previamente unha xuntanza para coordinar as actuacións a levar a cabo á hora de regular o tráfico na zona. Unha das opcións que se manexan para aportar maior fluidez é eliminar as zoas de aparcamento que existen a ambos lados da estrada neste tramo e aproveitalas para manter a circulación nos dous sentidos a través de carrís diferenciados mentres se actúa na outra metade da vía.

13 de maio de 2013 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.