publicidade hoxe

A redistribución dos terreos no sector sau-z favorecerá ao Concello e á entidade promotora

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

A Xunta de Goberno Local da Laracha, reunida hoxe en sesión ordinaria, acordou aprobar con carácter definitivo o proxecto de urbanización do reformado do plan parcial modificado do sector apto para urbanizar SAU-Z 12, que foi promovido pola multinacional Celsa Atlantic, S.L.

Deste xeito conclúese a tramitación administrativa deste proxecto, dirixido a reordenar unha superficie superior aos 172.000 metros cadrados de terreos neste sector na procura de dous obxectivos: por unha parte, posibilitar a ampliación das actuais instalacións da siderurxia e, por outra banda, reubicar e unificar o solo que corresponde ser cedido ao Concello da Laracha para destinalo á creación de zonas verdes, espazos libres e equipamentos.

En concreto, os espazos públicos serán 19.000 metros cadrados reservados para áreas verdes, máis de 7.000 para equipamentos municipais, case 22.000 para vías e aparcamentos públicos e unha parcela de titularidade municipal para aproveitamento lucrativo duns 10.000 metros. Para uso privado quedan dúas parcelas: unha industrial, de 104.000 metros cadrados, e outra comercial, de 6.500.

A redistribución dos terreos supón unha mellora substancial da ordenación actual. O ámbito de máis cómodo acceso, por situarse no frente viario, pasará a ser de titularidade pública e, no caso de que a sociedade requira a expansión da fábrica, a ampliación realizaríase cara a parte posterior das actuais instalacións.

Adxudicación contrato servizo limpeza edificios

A empresa Valoriza Facilities, S.A.U. encargarase da limpeza de edificios e instalacións de titularidade municipal durante os próximos seis anos (catro prorrogables por outros dous máis).

Despois de que a mesa de contratación clasificase as ofertas presentadas no concurso público, a Xunta de Goberno Local adxudicou hoxe o contrato, que suporá un custo anual de 164.000 euros para o Concello da Laracha. Inclúese a limpeza da Casa do Concello, o novo edificio administrativo, a Casa da Cultura da Laracha, as bibliotecas municipais da Laracha e de Caión, os centros médicos da Laracha e Caión, o centro sociocultural de Paiosaco, os locais da Ínsua en Caión, a escola infantil A Galiña Azul da Laracha, o CEIP Ramón Otero Pedrayo da Laracha, o CEIP da Fraga, a EEI de Cumiáns), os pavillóns polideportivos de Caión e do IES Agra de Leborís e o campo de fútbol A Porta Santa de Paiosaco).

O Concello da Laracha adxudicou recentemente, en ambos casos a Aspaber, outros servizos públicos como o da xestión do punto limpo e a limpeza viaria. Nos próximos días sacaranse a licitación os mantementos da iluminación pública e das zonas verdes.

20 de maio de 2013 | 18:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.