publicidade hoxe

A rede CeMIT de San Sadurniño centra os seus cursos de xuño na administración electrónica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

A aula da rede CeMIT de San Sadurniño continúa a súa programación formativa que de cara ao mes de xuño vén cargada de contido. Desta vez serán os trámites en liña con distintas administracións os que ocupen a maior parte do mes. Porén, tamén haberá espazo para actividades de alfabetización dixital e busca de emprego. A aula encóntrase esta semana desenvolvendo o obradoiro Fálame de San Sadurniño, a través do que se queren recuperar imaxes e recordos do pasado para volcalos na rede.

Fálame de San Sadurniño: fotos faladas é unha proposta enmarcada nos actos das Letras Galegas e do día internacional da Internet. Dúas datas que axugan á perfección coa difusión da cultura e a conservación do patrimonio inmaterial. Por iso a aula da rede CeMIT organizou un curso de 8 horas de duración que se imparte ata este xoves en horario de tarde. Trátase de recuperar recordos a través de fotografías antigas e despois convertelos nun documento visual e sonoro para compartilo a través do blog da iniciativa. 

As persoas participantes están aprendendo a escanear e retocar as súas imaxes co programa de software libre The Gimp. Despois gravarán as súas impresións de viva voz no ordenador co programa Audacity. Todo o material -fotos xeolocalizadas nun mapa, audios e descricións- volcarase nunha bitácora que estará dispoñible ao remate do curso.

Xa para o mes que entra impartiranse na aula varios cursos relacionados cos trámites que se poden realizar a través de Internet coa administración. O primeiro deles está programado para os días 7 e 14 de xuño con catro horas de duración. Baixo o epígrafe de As túas xestións coa Administración en Internet facilitaranse coñecementos básicos sobre algúns trámites que se poden facer co ordenador desde a casa, entre eles solicitar cita no médico, consultar os puntos do carné, a declaración da renda, obter un certificado de vida laboral, acceder ás prestacións por desemprego e outros moitos. Este curso desenvolverase en horario de 10 a 12 horas.

Un xeito de axilizar os trámites é dispoñer de DNI electrónico. O 13 de xuño entre as 16 e as 18 horas haberá unha sesión para aprender a usar o carné electrónico para relacionarse con distintas administracións e a asinar con el documentos dixitalmente.

Internet para o rural

A programación da aula CeMIT tamén reservou sitio para xestionar co ordenador cuestións referidas á terra e ao sector agropecuario. Deste xeito, o curso SIXPAC: como buscar, ver e medir parcelas agrarias mostraranos durante dúas horas como usar o visor cartográfico da Xunta, útil para localizar, medir e posicionar leiras agrarias. O curso impartirase o 17 de xuño entre as 16 e as 18 horas. 

Por outra banda, a axente TIC tamén preparou un curso máis específico para os trámites do agro, centrado exclusivamente na Oficina Virtual da Consellaría do Medio Rural. Nese espazo en liña están condensados todos os procedementos referidos á actividade agrogandeira, como son as altas por nacemento de animais, os movementos de gando, as declaracións de cultivos, as solicitudes da PAC, os permisos de queima ou os prezos de referenza para o gando. O curso Trámites na Internet para o sector agrogandeiro está programado para os días 21 e 28 de xuño en horario de 10 a 12 horas.

Alfabetización dixital

Ademais dos contidos específicos, a aula continúa impartindo os xenéricos de alfabetización dixital. Sácalle partido a Internet é un curso cunha duración de 8 horas que se impartirá os días 3, 4, 5, 6 de xuño en horario de 16:00 a 18:00. Achegará os aspectos básicos de Internet: o navegador, os recursos e servizos que poden atopar na rede, buscar información e como comunicarse.

Como enviar e recibir mensaxes por Internet: o correo electrónico, que se celebrará os días 10, 11 e 12 de xuño en horario de 16 a 18 horas, ensinaranos a crear unha conta de correo e a enviar a través dela imaxes, documentos e mensaxes. 

A programación de xuño pecha cun curso orientado á busca activa de emprego por medio do curso Currículum 2.0. Celebrarase do 24 ao 16 de xuño en horario de tarde e as persoas asistentes traballarán con varias ferramentas para elaborar un currículum dixital.

Para inscribirse en calquera destes cursos ou para solicitar máis información as persoas interesadas poden dirixirse á aula CeMIT situada na casa da Cultura, entrar na web cemit.xunta.es ou enviarlle un correo electrónico á axente TIC Carmen Suárez ao enderezo cemit.sansadurnino@xunta.es.

29 de maio de 2013 | 12:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.