A quinta edición do día do deporte da Laracha celebrarase o vindeiro 1 de xuño
O deporte tomará as rúas da Laracha o sábado da próxima semana, día 1 de xuño, coa celebración da quinta edición do “Día do Deporte” da Laracha que, tralo éxito das catro primeiras convocatorias, o Concello volve a organizar cos propósitos fundamentais de fomentar a práctica de calquera tipo de actividade física e promocionar os estilos de vida saudables entre persoas de calquera grupo de idade, en especial dos nenos e dos maiores.
Tal e como se fixo en anos anteriores, nesta edición apostarase por ofrecer aos participantes un amplo abano de posibilidades para practicar moi diversas disciplinas e tamén propostas lúdicas relacionas coa actividade física e o deporte.
Desde as 10.00 horas, e durante toda a mañá, a explanada situada xunto ao IES Agra de Leborís e a biblioteca municipal da Laracha será o punto de encontro para todas as persoas que desexen participar e formar parte dunha xornada saudable, deportiva e lúdica. Poderanse practicar modalidades como o fútbol 3×3, baloncesto, patinaxe, tiro con arco, badminton, xadrez, ximnasia de mantemento, aeróbic e chave.
Ofrecerase a posibilidade de practicar estes deportes de forma libre e tamén na modalidade de competición, para a que será precisa a inscrición previa no propio lugar do desenvolvemento da actividade.
Ademais, este ano inclúense por primeira vez as modalidades de equitación e de mountain bike, esta última coa colaboración da asociación deportiva Laracha en dúas rodas.
As propostas lúdico-deportivas que amenizarán a o Día do Deporte serán o rocódromo, a portería inchable e os dardos.
Durante toda a xornada permanecerán instalados dous stands nos que se ofrecerá información relativa á alimentación e será promocionada a práctica de estilos de vida saudables. Un dos stands estará atendido pola Xunta Local da Laracha da Asociación Española Contra o Cancro. No outro stand, un técnico nutricionista realizará a todas as persoas que o desexen a proba do índice de masa corporal, así como unha serie de directrices e prácticas alimentarias dirixidas a alcanzar o peso ideal.
O final da xornada está previsto para as 13.30 horas. A esa hora realizaranse os sorteos dos premios doados polas empresas colaboradoras entre todas as persoas que participaron en algunha das modalidades deportivas durante a mañá.
Na organización do evento colaboran co Concello da Laracha: a Deputación Provincial da Coruña, Novagalicia Banco, Hidroeléctrica Laracha, Coca-Cola (almacén Bebifres de Paiosaco), Supermercados Gadis, Autoservicio Familia, Diario de Bergantiños, Deportes Miro, Deportes San Remo, Cervecería M3, O Noso Café, Hotel-Restaurante ABC, Imprenta Esymar e a Asociación de Comercio, Servicios e Industria da Laracha.