publicidade hoxe

A programación cultural de primavera trae ata Tomiño as “Memorias dun neno labrego”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalTomiño
A-
A+

Despois de que a obra infantil “O libro máxico”, de Migallas Teatro, abrira a programación cultural de primavera, o pasado domingo 28 de abril, chega a Tomiño “Memorias dun neno labrego”,monólogo sobre o libro de Xosé Neira Vilas, a cargo da Compañía Abrapalabra. A cita será o vindeiro sábado, 11 de maio, ás 22.00 horas. A obra, para todos os públicos, terá unha entrada de tres euros.

A programación continuará o 18 de maio, ás 22.00 horas, co grupo de teatro afeccionado “Aloia”, de Pazos de Reis (Tui), que porá en escena a peza titulada “A vinganza da Petra”. Para todos os públicos e de balde.

A Compañía Acontrabutaca traerá ata o auditorio goianés monólogos e skeetchs cómicos en  “Dous son Parella”, o sábado 25 de maio ás 22.00 horas. Esta obra está indicada para maiores de 16 anos e a entrada custará 3 euros.

A programación continuará ao longo do mes de xuño, con dúas propostas ben diferenciadas. En primeiro lugar, o día 1, o dúo Alfonso Vallejo (Luis Iglesia B. e Xabier Deive) escenificará o espectáculo teatral “Gaivotas subterráneas”. Este espectáculo está indicado para maiores de 13 anos e a entrada será de 3 euros.

Por último, a Escola Municipal de Teatro de Tomiño protagonizará dúas pezas: “O pano da avoa” e “O nacemento do dragón”. Con esta última proposta, prevista para as sete da tarde, darase por pechada a programación de primavera.

Exposicións

Despois da exposición de pintura de Orlanda Gomes de Faria “Olladas de muller”, Xuxo Malone (artista autodidacta nado en A Guarda e veciño de Tomiño na actualidade) exporá “Imperfeccións”, unha mostra escultórica  con diferentes técnicas (do 18 de maio ao 2 de xuño). A inauguración desta última será o día 18 de maio ás 20.00 horas no Auditorio de Goián.

10 de maio de 2013 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.