publicidade hoxe

A programación cultural de primavera achega a Tomiño a peza titulada “A vinganza da Petra”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalTomiño
A-
A+

A programación cultural de primavera organizada pola Concellaría de Cultura, continúa o vindeiro sábado, 18 de maio, ás 22.00 horas, co grupo de teatro afeccionado “Aloia Teatro”, de Pazos de Reis (Tui), que porá en escena a peza titulada “A vinganza da Petra”, na que participan  tamén varios veciños e veciñas de Tomiño. A obra é para todos os públicos e a entrada é de balde.

O monólogo sobre o libro de Xosé Neira Vilas, “Memorias dun neno labrego”, a cargo da Compañía Abrapalabra e protagonizado por Cándido Pazó o pasado sábado, contou co beneplácito dos veciños e veciñas de Tomiño, que disfrutaron co espectáculo no Auditorio de Goián.

Entre o público atopábanse autoridades locais e o grupo do Programa de Maiores dos Servizos Sociais do Concello que, con motivo do Día das Letras Galegas, está traballando partes do libro de Neira Vilas; autor ao que visitarán en Vila de Cruces o día 18 de xuño.

A concelleira de Cultura, Cristina Martínez, explicou que o Concello quere apostar nesta tempada polo teatro, despois de facelo nas anteriores polo humor e a música tradicional, con moito éxito de público, e salientou a labor da Escola Municipal de Teatro de Tomiño, que protagonizará “O pano da avoa” e “O nacemento do dragón” o vindeiro 16 de xuño ás sete da tarde, pechando a programación de primavera.

Por outra banda, Xuxo Malone (artista autodidacta nado en A Guarda e veciño de Tomiño) exporá “Imperfeccións”, unha mostra escultórica con diferentes técnicas entre o 18 de maio e o 2 de xuño. A inauguración será o día 18 de maio ás 20.00 horas no Auditorio de Goián.

16 de maio de 2013 | 12:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.