publicidade hoxe

A primeira escola infantil de Curtis oferta un total de 61 prazas públicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCurtisLocalLocal Portada
A-
A+
Beatriz Mato visitando as instalacións

Beatriz Mato visitando as instalacións

A primeira escola infantil do concello de Curtis, tanto pública como privada, oferta un total de 61 prazas de 0 a 3 anos distribuídas en catro unidades. O centro abriu as súas portas a finais do mes pasado.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou hoxe esta infraestrutura. Estivo acompañada polo Alcalde, Javier Caínzos e os Concelleiros Pablo Brañas e Emilio Souto. O investimento para a súa construción e equipamento superou os 820.000 euros, mentres que no seu mantemento a Xunta e o Concello van investir máis de 320.000 euros anuais.

O alcalde agradeceu o compromiso da Xunta de Galicia nestes momentos de crise e alabou o esforzo económico da Consellería de Traballo e Benestar para crear estas infraestruturas que fan posible a conciliación da vida familiar e laboral, superando as adversidades que se deron durante a execución das obras.

A responsable autonómica subliñou que con este centro suman 155 as prazas creadas da rede A Galiña Azul creadas na comarca de Betanzos (en Curtis, Betanzos e Coirós) desde a anterior lexislatura, “cando anteriormente non existía ningunha”, precisou Mato.

“Estas cifras son unha proba tanxible da nosa aposta por facer posible a conciliación da vida laboral e familiar”, explicou a titular de Benestar. Un esforzo de relevancia dado que a conciliación “é un dos retos do noso tempo” e un dos eixos principais do Plan de dinamización demográfica, indicou.

En Galicia, desde a lexislatura pasada, creáronse 3.000 novas prazas públicas en escolas infantís, “un 55 por cento máis das que atopamos á nosa chegada”. Este compromiso vai ter continuidade, xa que está previsto crear outras 3.500 prazas, das que 2.100 xa están planificadas.

Por último, a conselleira avogou por fomentar os espazos de colaboración cos municipios de Galicia, especialmente en materia social. Ao respecto, sinalou que en 2012 se destinaron 75.000 euros ao Servizo de axuda no fogar para persoas dependentes, e prestouse atención a 28 persoas da comarca que a necesitaban a través da RISGA (Renda de Integración Social de Galicia) e AES (Axudas de emerxencia social).

8 de maio de 2013 | 19:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.