A Praza do Concello convértese nun espazo de lecer, deporte e diversión na 22 edición de Xogar na Rúa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal
A-
A+
Presentación de "Xogar na Rúa"

Presentación de “Xogar na Rúa”

Xogar na Rúa cumpre xa 22 anos intentando mellorar e innovar na súa oferta pero mantendo o obxectivo de fomentar a práctica do deporte entre os nenos e nenas dos centros de ensino do municipio, servindo como peche ao programa Deporte na Escola, que inclúe as actividades de deporte municipal en idade escolar do curso 2012-2013 que se desenvolveron nos CEIP Fogar, A Cristina, Bergantiños, Nétoma-Razo, Xesús San Luís Romero, Gándara-Sofán e na ANPA A Braña de Rus. Arredor de 800 nenos e nenas participan decotío neste programa, ao que hai que sumar outros 500 rapaces e rapazas que competiron na fase local da carreira Campo a Través 2013. Moitos deles achegaranse á Praza do Concello o sábado 8 de xuño, entre as 17.00 as 19.30 horas, para participar nalgunha das 16 actividades que ofrece Xogar na Rúa, como son mini basket, xadrez, pista americana, hóckey, xogos autóctonos, búfalo mecánico, atletismo ou capoeira. Neste último caso, tamén está prevista a celebración dunha pequena exhibición. O Alcalde, Evencio Ferrero, subliñou que a Praza do Concello é “un espazo moi vivo, con moito dinamismo, o que pode comprobarse día a día”. Para o rexedor, Xogar na Rúa é unha mostra de que Carballo “é un Concello intenso en actividade deportiva” e de que “o deporte sempre conta co apoio da administración”.

30 de maio de 2013 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.