publicidade hoxe

A Policía Local porá en marcha un dispositivo especial de tráfico para garantir o axeitado desenvolvemento da festas das alfombras do Corpus

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAresLocal
A-
A+

A Policía Local de Ares porá en marcha un dispositivo especial co gallo da celebración das tradicionais Alfombras Florais, unha festa que se desenvolve coincidindo co Corpus Christi, isto é o día 2 de xuño, e conta coa declaración de Interese Turístico Rexional por parte da Xunta de Galicia.

Estas medidas, que afectan ao estacionamento de vehículas nas zonas nas que se deseñan e confeccionan as alfombras, poranse en marcha con anterioridade ao domingo 2, posto que nalgunhas rúas os veciños e veciñas da Asociación de Alfombras Florais xa comezan a traballar pintando os debuxos que durante a fin de semana serán completados coas flores e o verde recollido nestas últimas semanas.

Así as cousas, dende as 13.00 horas do venres 31 e ata que rematen os actos, na tarde do domingo 2 de xuño, estará prohibido o estacionamento e a circulación de vehículos na praza da Igrexa –entre Saavedra Meneses e rúa Real-, na rúa Real –entre a praza da Igrexa e a rúa Xuncal-, en Xuncal –da rúa Real á María- e na rúa María –dende o cruce con Xuncal ata o número 61-.

Nalgúns casos, precisamente pola necesidade de traballar con anterioridade, a Policía Local informa de que é posible que se interrumpa o tráfico ou o estacionamento, decisión que, en todo caso, serán puntuais e debidamente sinalizadas. Especialmente, podería acontecer no treito da rúa Real que vai entre a farmacia da avenida de Mugardos e as Escolas do Lago (rúa Xuncal), xa que neste espazo está previsto que os traballos comecen o xoves 30.

Ademais, e para facilitar o acceso á vila, o Concello habilitará un aparcadoiro a maiores dos xa existentes na zona situada entre o Mazote (avenida Federico García Expósito) e a avenida de Mugardos, que poderá ser utilizado durante a fin de semana.

Por outra banda, o Concello de Ares segue a colaborar coa Asociación de Alfombras para que esta festa sexa, un ano máis, un rotundo éxito. Ademais de ceder locais municipais para que os diferentes grupos que se forman por tramos de rúa poidan depositar as flores e o verde e vaian traballando, a administración local pon a disposición da entidade persoal e vehículos do parque municipal para realizar tarefas de recollida e traslado do material floral.

En canto aos actos relixiosos, está previsto un Triduo do xoves 30 ao sábado 1 ás sete da tarde. Xa o domingo, haberá unha misa ás cinco da tarde, para rematar estas celebracións do Corpus coa tradicional procesión pola alfombra.

28 de maio de 2013 | 12:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.