A Policía Local pon en marcha unha campaña de control de estacionamentos
O concelleiro de Seguridade e Mobilidade do Concello de Ferrol, Pablo Cal Martínez, presentou esta mañá o Plan de Seguridade Viaria elaborado para o termo municipal de Ferrol. O edil estivo acompañado polo xefe da Policía Local, Ángel Ruibal, e outro membro do corpo de seguridade da cidade naval. Este plan responde as directrices marcadas polo Plan de Seguridad Viaria da Dirección General de Tráfico para o período 2011-2015.
Este plan, integrado por tres fases, está baseado no análise dos datos de siniestralidade viaria. Ao longo do ano 2012, foron rexistrados un total de 998 accidentes -77 por saída da vía e 63 por atropelo- sen vítimas mortais. “Estas cifras sobresaen con respecto a outras localidades cunha poboación similar” manifestou Cal Martínez. Así, no primeiro trimestre do presente ano 2013 tiveron lugar 263 accidentes -20 saídas da vía e 13 atropelo- contando nesta ocasión cun falecido. En saídas viarias as vías de maior incidencia do termo municipal son a FE-15, DP-3606 e a rúa Telleiras; mentres que as zonas de maior atropelos son a Estrada de Castela e Catabois e o centro da cidade. As chamadas recibidas na central da Policía Local recollen un 40% relacionadas con temas de tráfico, polo que o responsable de Seguridade e Mobilidade sinala que “é evidente que nos debe poñer sobre aviso da necesidade de actuación sobre a regulación do tráfico na cidade e tratar de acometer actividades que tendan a diminuír as infraccións viarias”. No que atinxe aos controis de alcohol e drogas realizados dende o decembro de 2012, o titular do goberno local destacou que os resultados de positivos son superiores “aos que desexaríamos ter”.
Como consecuencia deste análise de datos, as actuacións deste Plan de Seguridade Viaria están centradas no incremento da detección de infraccións e nos cidadáns máis vulnerables (peóns, nenos/as, persoas con mobilidade reducida). O plan atópase na súa fase inicial con algunhas das campañas en vixencia como os controis de alcoholemia e drogas, postos en marcha en decembro de 2012. No que atinxe ao alcohol, un 8% dos condutores que realizaron esta proba resultaron positivos, “hai que actuar e reducir este porcentaxe, o obxectivo que temos marcado é que neste tipo de controis a finais de ano baixemos en torno ao 5%”, apuntou o xefe da Policía Local. Outra campaña finalizada nesta primeira fase é a de control de documentación en vehículos e condutores, na que foron intervidos un total de 263 vehículos dos que 31 foron denunciados -10 por circular sen cinto ou 12 sen ITV-.
Estacionamentos, campañas nas escolas e información “on line”
Por outra banda, hoxe se inicia a campaña de control de estacionamento abusivo centrado en zonas de carga e descarga, beirarrúas, pasos de peóns, persoas con mobilidade reducida e paradas de transporte público (autobús e taxi). “Queremos que haxa menos infraccións” dixo Ángel Ruibal. A última campaña desta primeira fase que se porá en funcionamento antes do verán é a de sistemas de seguridade onde seguirán insistindo no uso do cinto de seguridade, do teléfono móbil e no casco por parte dos motoristas.
A segunda fase do Plan de Seguridade Viaria, que comezará en setembro, será realizada non só por campañas senón tamén a través de labores divulgativa como a educación viaria nos centros de ensino e serán recuperadas as campañas de maior incidencia durante o semestre. Ademais, mediante unha nova ferramenta de traballo os axentes municipais poderán estudar in situ a sinistralidade de Ferrol. Esta novidade consiste dun mapa da cidade naval no que se atopan sinalados os diferentes accidentes o que permitirá aos oficiais de Policía localizar, identificar e actuar nos puntos negros de tráfico. A día de hoxe, o plano rexistra cinco puntos negros dos que catro están localizados en glorietas como a do Diapasón ou a de Basanta que da acceso á FE-15. Ademais, a través da páxina web oficial do Concello de Ferrol (www.ferrol.es) no apartado de servizos, facilitase información puntual sobre o tráfico, cortes de rúas e demais incidentes en tempo real.
A terceira e última fase do plan, consiste na prevención xeral e prevención especial -vinculada á redución dos accidentes a través das ferramentas deseñadas-; así como na formación e rehabilitación para os infractores condenados por un delito contra a seguridade viaria.